Friday 22 de November de 2024

Maiores de Lousame aprenden a facer xestións nos caixeiros de forma fácil e segura


A Casa do Concello de Lousame acolleu esta mañá a sesión de formación “Operativa de caixeiros e prevención da fraude e ciberseguridade”, impartida por persoal de Abanca e enmarcada no seu Programa de Educación Financeira, que ten como obxectivo mellorar a inclusión financeira da poboación que vive no rural. Unha actividade gratuíta na que participaron media ducia de maiores do municipio, acompañados pola concelleira de Servizos Sociais, Silvia Agrafojo, e polo concelleiro de Obras, Ramón Martínez.

A formación incluíu unha primeira parte teórica no salón de plenos municipal, durante a cal o técnico de Abanca informou aos presentes sobre como actuar para protexer os seus datos persoais para evitar fraudes e estafas, ademais de entregarlles material informativo sobre a cuestión. Acto seguido, os maiores saíron á entrada da casa consistorial, onde está instalado o caixeiro automático de Abanca, e sobre o que aprenderon as múltiples xestións que se poden facer nel sen ter que desprazárense ata unha oficina e dunha forma totalmente segura.

Silvia Agrafojo agradeceu a Abanca a realización desta actividade pois “serviu para ofrecerlles aos nosos maiores unha visión completa de como funciona o caixeiro, cales son as operacións máis habituais que se pode realizar nel e amosarlles o sinxelo e seguro que resulta a través dunha demostración práctica no propio caixeiro”.