Friday 22 de November de 2024

Os xardíns de Méndez Núñez acollerán o evento Primavera no Camiño, con numerosas actividades para promover o Camiño Inglés


Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo, presentou esta edición, que se celebrará o 22 de xuño de 11.00 a 20.00 horas

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, presentou esta mañá unha nova edición de Primavera no Camiño, un evento que chega por primeira vez á cidade e que está organizado pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés, da que A Coruña forma parte. Este acontecemento contará con numerosas actividades este sábado 22 de xuño nos xardíns de Méndez Núñez, en horario de 11.00 a 20.00 horas. Castro estivo acompañado de Manuel Miras, presidente de honra da Asociación.

Primavera no Camiño é un evento turístico e gastronómico que ten por obxectivo poñer en valor os recursos patrimoniais, paisaxísticos, artísticos, enogastronómicos e culturais do Camiño Inglés, do que forma parte a cidade da Coruña. “A nosa alcaldesa, Inés Rey, aposta por potenciar o Camiño Inglés na cidade, dándolle o valor turístico e cultural que ten e buscando aumentar o número de visitantes e peregrinos”, sinalou Gonzalo Castro.

Nesta edición levaranse a cabo diferentes actividades ao longo do día. Por unha banda, na vertente gastronómica do evento, haberá demostracións en directo con produtos de proximidade como a troita de Oroso, a tortilla de Betanzos, o pan de Neda e Carral, viños, queixo, produtos con Indicación Xeográfica Protexida e Denominación de Orixe. Ademais, tamén se poñerá en valor o patrimonio cultural do Camiño a través de actuacións musicais, obradoiros de traballo e actividades de pintura.
Por outra banda, levaranse a cabo accións de difusión e coñecemento do Camiño Inglés entre as persoas asistentes. Esta iniciativa está enfocada principalmente ao aumento do sentimento de pertenza e a difusión do Camiño entre a cidadanía. O programa deste ano inclúe: catro demostracións culinarias, catro actuacións musicais, dous obradoiros infantís, dúasdemostracións artísticas en directo, unha improvisación teatral/monólogo, e a presentación dos gañadores do concurso de fotografía dixital.

A Asociación de Concellos do Camiño Inglés está integrada por A Coruña, Ferrol, Narón, Neda, Fene, Cabanas, Pontedeume, Miño, Paderne, Betanzos, Abegondo, Carral, Ordes, Oroso e Santiago de Compostela.