Friday 22 de November de 2024

As escolas musicais de San Sadurniño despiden curso esta semana


Chegada esta altura do mes de xuño é momento de despedir a actividade das escolas municipais ata despois do verán. E esa despedida faise, tradicionalmente, cun encontro aberto ao público no que nos mostran todo o aprendido durante os últimos meses e como o alumnado vai mellorando de ano en ano nas distintas disciplinas que se ofrecen: música moderna, pandeireta, baile tradicional, gaita… Este ano a clausura dos cursos repártese en dous días e en dous espazos: este mércores ás 19:30h música moderna na Casa da Cultura e o venres ás 18:00h as escolas de música e baile tradicional na área recreativa da piscina.

O alumnado de Xoán Leis pechará curso cun concerto no que, de seguro, volverán sorprendernos con pezas de distintas épocas -tamén do repertorio galego- interpretadas dun xeito distinto ao piano, a batería, o baixo, a guitarra eléctrica… Todos instrumentos tocados por persoas sen experiencia previa, pero que avanzaron rapidamente nos últimos meses gracias ao método de Leis e o seu equipo docente.

Tal e como ocorreu en anteriores espectáculos da escola, como o concerto do Nadal ou a clausura do ano pasado, durante unha hora asistiremos a unha auténtica festa con moita música, humor e interacción co público na que vai ser difícil non erguerse da butaca para poñerse a bailar.

Venres 21 de xuño, 18:00h, área recreativa da Piscina: Clausura das escolas culturais
As Escolas Municipais Culturais, pola súa banda, pecharán a tempada no entorno da piscina municipal. Porén, antes de escoitar e ver o que nos teñen preparado asistiremos ao espectáculo de narración oral Tralalareira, que nos traen Vero Rilo e Santi Cribeiro a través da Rede Cultural da Deputación da Coruña. Nesta proposta, Rilo convértese na señora Isolina, contadora de historias de vida e contos que se acompañan co acordeón de Cribeiro e as súas músicas para cantar.

E despois, sobre as 19:00h, será a vez das escolas de baile tradicional, pandeireta e gaita, que interpretarán pezas por separado e tamén algunhas conxuntas. A Concellaría de Cultura ten definido o formato dándolle aproximadamente 10 minutos a cada grupo musical co obxectivo de que a velada sexa o máis dinámica e variada posible sen exceder a hora de duración. Polo menos no que se refire ao que está programado, xa que a idea é que a troula prosiga o que tempo que lle cadre, coma en calquera foliada.