Friday 22 de November de 2024

Anxo M. Lorenzo gaba a capacidade do alumnado de primaria e ESO para achegarse á figura do Picasso coruñes


O director xeral de Cultura participou na entrega dos premios do IX Concurso de Debuxo Picasso, organizado pola Asociación da Prensa da Coruña co apoio da Xunta

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe no Instituto IES Eusebio da Guarda (A Coruña) na entrega dos premios do IX Concurso de Debuxo Picasso, un certame organizado pola Asociación da Prensa da Coruña, co apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, que quere resaltar a figura do pintor na súa etapa na cidade herculina.

Nesta edición do concurso, destinado a alumnado de 3º a 6º de Primaria e da ESO de toda Galicia, presentáronse 350 traballos. O director xeral de Cultura destacou neste senso “o gran esforzo e capacidade entre os máis novos á hora de crear e transportarse a esa infancia na Coruña de Pablo Picasso”. Así, Anxo M. Lorenzo, que tamén quixo felicitar ao profesorado, recordou que a esencia deste certame reside nesa “creatividade que entón xa amosaba o artista creando xornais para os seus familiares que incluían debuxos e textos”.

En total, o xurado concedeu 9 premios e 18 accésits distribuídos en tres categorías segundo nivel de estudos, recoñecendo en cada unha delas as mellores redaccións, debuxos e xornais. Os galardóns recaeron en centros de Cambre, A Laracha, Ordes, Ferrol, Ourense, Culleredo, Oleiros, Narón, A Coruña e Sarria.