Unha vintena de persoas participaron este sábado no paseo xeolóxico pola contorna do Pico Sacro, unha iniciativa incluída na programación do ciclo “Mes e Pico”, organizado polo Concello de Boqueixón. Un paseo guiado por Francisco Canosa Martínez, doutor en Xeoloxía pola Universidade de Oviedo e actual director científico do Xeoparque Cabo Ortegal, quen estivo acompañado polo concelleiro de Turismo, José Luís Mareque Simón.
Previamente, o venres á noite, Francisco Canosa impartira na Capela de San Sebastián a conferencia “O Pico Sacro visto con ollos xeolóxicos”, na que fixo fincapé nas singularidades do monte Ilicino, unha montaña de cuarzo nun territorio caracterizado polo granito.
Observación astronómica e aprazamento do lume sagrado
O ciclo “Mes e Pico” continuará coa súa programación este venres 21 de xuño cunha observación astronómica dirixida polo físico e divulgador científico Jorge Mira baixo o nome: “A noite do solsticio dende a tumba do dragón”. Unha iniciativa que terá lugar na noite máis curta do ano, un momento que a humanidade sempre considerou como máxico. A participación é totalmente de balde, se ben é imprescindible inscribirse previamente no Departamento de Turismo de Boqueixón, en boqueixonturismo@gmail.com ou chamando ao 981 513 061 (en horario de mañá).
Así mesmo, o domingo 23 de xuño, ás 13:00 horas, terá lugar a Cerimonia do Lume Sagrado, prevista para onte domingo pero que, un ano máis, viuse adiada polas malas condicións climatolóxicas. Esta celebración celta, encabezada pola raíña Alda e o seu séquito, está ligada á observación astronómica no sentido de que recuperará de forma simbólica a tradición dos nosos devanceiros de obter o lume sagrado directamente do Sol durante a festa do solsticio de verán.
O acto contará coa colaboración da Asociación do Castro da Fervenza de Callobre (A Estrada) e coa actuación do grupo de música tradicional Son de Gaita. Ademais, todas as persoas que desexen participar activamente na cerimonia poden solicitar os traxes de época no momento de inscribirse no Departamento de Turismo de Boqueixón, en boqueixonturismo@gmail.com ou chamando ao 981 513 061.
O cambio de data na celebración da cerimonia suporá tamén o cambio na entrega do lume sagrado a todas as persoas que o desexen para prender as súas fogueiras da noite de San Xoán. Así, as candeas serán entregadas durante a mañá, ao rematar a cerimonia, e non pola tarde.