Friday 22 de November de 2024

Inaugurada a exposición sobre Juana de Vega no Centro Sociocomunitario de Caión


Poderase visitar ata o 28 de xuño, esta semana pola mañá e a próxima, pola tarde.

A exposición itinerante “Juana de Vega, condesa de Espoz y Mina (1805-1872). Facer no século” foi inaugurada hoxe no Centro Sociocomunitario de Caión polo alcalde, José Manuel López Varela, e o presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez Ponte. Ao acto tamén asistiron os concelleiros José Ramón Martínez e Patricia Bello, e o presidente do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) da Costa da Morte, Evaristo Lareo.

A exposición é promovida pola Fundación Juana de Vega para divulgar a figura e obra desta muller ilustre, que desenvolveu unha intensa actividade benéfica e social. Progresista e liberal, foi avanzada para a súa época, e deixou unha gran impronta non só na cidade da Coruña senón tamén en toda Galicia e o resto do Estado.

Na mostra, distribuída en 20 paneis, percórrense as andanzas da súa familia, a guerra e a política de principios do século XIX, o seu casamento co heroe da Guerra de Independencia, Francisco Espoz y Mina, e o seu matrimonio. Tamén o exilio, os ataques sufridos polo militar navarro e a súa morte, que a converten na “viúva eterna”. Mais isto non foi óbice para que desenvolvese a súa faceta humana e intelectual ao longo dos anos. Desde a súa función como aia da raíña Isabel II ata a fundación de hospitais e hospicios ou a súa influencia nos círculos de poder para acadar sempre o fin de axudar aos máis necesitados.

A exposición “Juana de Vega, condesa de Espoz y Mina (1805-1872). Facer no século” permanecerá aberta ao público no primeiro andar do Centro Sociocomunitario de Caión ata o venres 28 de xuño en horario de 17:00 a 20:00 h (17 a 21 de xuño) e de 10:00 a 13:00h (24 a 28 de xuño).