Terá lugar en Esperela o sábado 29 de xuño
Haberá actividades para todos os públicos cunha andaina e un trail, un show-cooking, unha cata de viños e o concerto do grupo músical A Roda, entre outras moitas cousas
O Concello de Paderne presentou esta mañá a I edición da Feira GastroLexítimo cun convidado de excepción, o influencer Miguel Mandayo. O alcalde, Sergio Platas, recibiuno esta mañá na Casa Consistorial, para despois desprazarse ata a zona dos viñedos onde se crían as uvas do viño Branco Lexítimo que se servirá en Esperela o vindeiro sábado, 29 de xuño.
O alcalde quixo agradecerlle a Miguel Mandayo “a súa presencia e a súa colaboración á hora de dar a coñecer esta primeira Feira GastroLexítimo, que ten como obxectivo promover o patrimonio gastrosocial do Concello de Paderne, que é moi rico e moi variado”.
Platas siubliñou a “gran diversidade de actividades que temos programadas para ese día, con música, gastronomía, deporte e cultura, que seguro que darán boa conta de todo o que temos que ensinar no noso municipio”.
A feira, herdeira da Mostra do Branco Lexítimo que se deixou de celebrar a partires da pandemia, nace como un xeito de pór en valor a identidade do municipio a través da súa gastronomía e viño autóctonos.
A programación ábrese ás 11 horas coa saída da Andaina GastroLexítimo; a continuación, ás 12 horas, haberá unha actuación do grupo da Uned Sénior Paderne e posteriormente realizarase o pregón a cargo de José Manuel Rodríguez, ‘”Noly”, cantante da orquestra Los Satélites.
Ás 12:30 será a quenda da saída para o Minitrail GastroLexítimo e ás 13:15 horas comezan as visitas aos stands, cunha degustación de tes e infusións de Paderne no posto de Orballo.
Contra as 14:00 será a apertura gastronómica, cunha comida elaborada polos restaurantes do concello.
Xa pola tarde, celebrarase arredor das 16:30 horas un pasarrúas a cargo do grupo Os Viqueiras de Ordes. A partir das 17 horas darán comezo os talleres de globoflexia, maquillaxe, chapas e play-mais. Ademais, haberá un fotomatón e inchable gratuíto para nenos e nenas.
Ás 17:30 horas comezará unha cata teatralizada a cargo da sumiller Sonia Molero e do actor Jose Losada.
A partir das 18 horas, haberá actividades para nenos no Lagar da Esperela e para as 18:30 horas está previsto un obradoiro de arte floral con flores secas a cargo de Foradeira.
Ás 19 horas será un dos pratos fortes da xornada cun show-cooking a cargo de Luis Calo, elaborado con produto local, ademais dunha degustación, que conta coa colaboración da Confraría de Pescadores de Miño.
Por último, pechará a Feira o gran concerto do grupo de música A Roda, que deleitará aos asistentes coas mellores cancións da música tradicional galega.
Ata o 27 de xuño para apuntarse na Andaina e no Minitrail
Durante esa xornada realizarase a I Andaina e Minitrail GastroLexítimo. A andaina contará cunha lonxitude de 10 quilómetros, con saída e chegada en Esperela, aberta a todos os públicos, de 11 a 13:15 horas e un total de 200 prazas.
Por outro lado, o Minitrail contará con diferentes distancias en función da idade dos participantes, dispoñendo das categorías Chupete (0-3 anos), Prebenxamín (4-6 anos), Benxamín (7-9 anos) e Alevín (10-12 anos).
As inscricións poden materializarse na páxina web de Galitiming ata o xoves, 27 de xuño, ás 23:59 horas.