O texto asinarase mañá pola alcaldesa e o ministro de Transformación Dixital e da Función Pública
Crearase unha comisión de seguimento do convenio entre o Goberno de España e o Concello, paritaria e cunha vixencia de catro anos prorrogables
A Xunta de Goberno Local que tivo lugar esta mañá aprobou a proposta de convenio para a cesión gratuíta do edificio da Terraza ao Ministerio de Transformación Dixital e da Función Pública, que albergará a sede da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA). O texto asinarase mañá, martes 8 de xuño, pola alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e o ministro de Transformación Dixital e da Función Pública, Jose Luis Escrivá, no Palacio de María Pita.
A aprobación do convenio enmárcase na relación de cooperación interadministrativa entre ambas as institucións de acordo cos compromisos adquiridos polo Concello da Coruña, logo da resolución do Consello de Ministros de 5 de decembro de 2022 polo que se determinou A Coruña como sede física da AESIA. Trátase dunha concensión gratuíta e temporal para o que se establece un prazo transitorio de 12 meses para que a AESIA poida ir ocupando os espazos que se consideren necesarios. O Concello comprométese a poñer á disposición da Axencia outros espazos públicos neste período transitorio, ademais de crear unha oficina municipal de benvida.
De acordo co texto e a candidatura presentada para a consecución da sede, o Concello subscribirá un convenio nominativo anual a favor da AESIA co montante económico necesario para atender os incentivos dos empregados públicos. O convenio establece ademais a creación dunha comisión de seguimento entre o Goberno de España e Concello da Coruña, paritaria e con vixencia de catro anos prorrogables por acordo das partes.