• O prazo para anotarse tanto nos ‘Campamentos Deportivos’ como nos ‘Peque Campamentos’ manterase en vigor ata o 26 de xuño.
O Concello de Laxe promove dous campamentos dirixidos á mocidade cos que dinamizar a actividade das nenas e nenos da localidade durante o verán e facilitar a conciliación familiar.
Deste xeito, o executivo laxense pon en marcha tanto os ‘Campamentos Deportivos’ como os ‘Peque Campamentos’, dúas iniciativas cuxo prazo de inscrición estará en vigor desde o martes 18 de xuño ata o mércores 26 de xuño ás 13:00 horas.
A primeira delas, os ‘Campamentos Deportivos’, incluirán unha ampla oferta de modalidades entre as que se inclúen kaiak, fútbol, pádel ou actividades de piscina e praia, entre outros. A iniciativa vai dirixida a nenas e nenos nados antes do 2014 e desenvolverase de luns a venres en horario de 10.00 a 13.30 horas.
Haberá un total de tres quendas durante o mes de xullo; do 1 ao 5; do 8 ao 12; e do 15 ao 19. Cada unha delas terá 20 prazas e un prezo de 32 euros para persoas empadroadas no Concello, que terán prioridade á hora da reserva, e de 40 euros para as que non formen parte do padrón municipal.
A inauguración terá lugar ás 10.00 horas do día 1 de xullo no campo de fútbol “Cabo Da Area Rogelio Martínez”.
Pola súa parte, os ‘Peque Campamentos’ estarán dirixidos á mocidade nacida entre 2012 e 2020 e incluirán propostas lúdicas tan variadas como manualidades, xogos, música ou visitas.
Ao igual que os ‘Campamentos Deportivos’, desenvolverase a través de tres quendas para as 40 prazas ofertadas; a primeira do 1 ao 12 de xullo; a segunda do 15 ao 29; e a derradeira do 31 ao 13 de agosto. O prezo de cada unha delas será de 64 euros para empadroados e de 110 euros para as persoas que non o estean. O horario será de 10.00 a 13.30 horas, sendo a recepción dos participantes ás 09:45 e a entrega de 13.30 a 13.45 horas.
A presentación terá lugar tamén o día 1 de xullo, ás 10.00 horas, no polideportivo municipal.
As persoas que desexen máis información sobre calquera destas dúas actividades poderán obtela na web municipal.