― O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitaron esta mañá o evento Sabor a Novo, que se celebra durante toda a xornada de hoxe no Pazo de San Lourenzo, en Santiago
― A Xunta colabora apoiando a participación de 27 expositores de Artesanía de Galicia e coa organización de dous talleres gratuítos e abertos a todos os públicos sobre cianotipia e gyotaku
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitaron esta mañá o evento Sabor a novo, que se celebra ao longo do día de hoxe no Pazo de San Lourenzo, en Santiago de Compostela, e que conta co apoio da Xunta. Durante a súa visita, Alén destacou o papel da artesanía na dinamización comercial das cidades e das vilas galegas e da marca Artesanía de Galicia como referente de oficio, calidade e feito en Galicia.
A través da Fundación Artesanía de Galicia, a Xunta colabora neste evento apoiando a participación dos 27 expositores da marca Artesanía de Galicia, así como coa organización de dous talleres gratuítos e abertos a todo tipo de público que introducirán os asistentes nas técnicas do gyotaku e da cianotipia.
Ata as 21,00 horas, as persoas que se acheguen ata o Pazo de San Lourenzo poderán ver e mercar produtos de coiro, de xoiería, de cerámica, de bixutería, de forxa, de moda e complementos, de papel e de madeira.
Os expositores que participan son os obradoiros composteláns Contraform, Jatafarta, Milena Colella, Mauro Trastoy, Degerónimo, Sonia Arnaiz e Laura Triñanes; os de Vigo, Como pez en el agua, Mario López e Ana Freiría; Fonte Meimil (Mondoñedo), Conloquetengo (As Pontes), Pilarnia Arte (Taboadela), Jerolas (Curtis), ArtenJoya (Gondomar), Mioco Diseños (A Coruña), Verdecima talla en madera (Mos), Fento do vento (Ourense), Taller Patapúm (Quiroga), Casperlota Atelier (Paderne), Artesanía Silvent (Caldas de Reis), Siliva (Abegondo), Xiralúa Estudio Creativo (Teo), Hana No Boshi (Pontedeume), Tuuinx (Ames), J. Eiroa Forxa (Culleredo) e Leónlagata (Sanxenxo).
Ata as 14,30 horas e, pola tarde, de 16,30 a 20,30 horas, están abertos tamén o obradoiro de Gyotaku – unha técnica xaponesa de estampaxe tradicional – e o de Creación de Cianotipias, un procedemento fotográfico no que empregando papel de acuarela e produtos químicos sensibles a luz, exponse directamente ao sol usando negativos de fotografía ou obxectos diversos, obtendo finalmente unha imaxe en azul prusian. Estes talleres estarán impartidos por María José Martínez e Minia Míguez e non requiren inscrición previa.