Saturday 16 de November de 2024

Exhibicións deportivas, actividades, comida e música para despedir o curso no CPI Cruz do Sar


· A xornada comezou sobre as 11:40 e non terminou ata as 20:30 horas.

Os nenos e nenas do CPI Cruz do Sar despediron hoxe o curso ao grande nunha xornada que se estendeu desde a mañá ata ben entrada a tarde e que estivo repleta de exhibicións deportivas, actividades, comida e unha foliada.

A festa comezou coas exhibicións deportivas no pavillón do colexio. O primeiro grupo en participar foi o de taichí, que saíu ás 11:40 horas. Ás 11:50 saíu o grupo de zoa; ás 12:00 o de danzas urbanas; ás 12:15 o de taekwondo; ás 12:40 outro grupo de danzas urbanas; ás 12:50 o de ximnasia rítmica e pecharon os nenos e nenas de patinaxe ás 13:10. A actividade deportiva continuou pola tarde, habilitando o polideportivo desde as 17:00 horas para o fútbol e a zona do comedor, de 16:00 a 18:00 converteuse nunha sala de xadrez.

Todos e todas se trasladaron á zona do monte sobre as dúas do mediodía para a comida. A esa hora comeron os nenos e nenas de Educación Infantil e Primaira e, ao terminar, fíxoo o alumnado de ESO e os adultos. Para facilitar o traslado da comida e a comodidade, permitiuse o acceso de vehículos á zona do monte de 9:00 a 11:00.

Ao terminar para comer comezaron as diferentes actividades, tales como xogos inchables, talleres, xogos tradicionais ou trikers. Ás 15:00 horas, a Agrupación de Música Tradicional de Bergondo puxo o toque musical á xornada.

Para terminar, ás 20:00 horas e como colofón a esta xornada de diversión, houbo unha festa da escuma para poñer punto e final ao curso 2023/24.

Esta actividade estivo coorganizada entre o Concello e o centro e contou coa colaboración da AMPA As Mariñas do CPI Cruz do Sar, Protección Civil de Bergondo, Cruz Vermella de Betanzos e a Deputación da Coruña.

Desde o goberno local bergondés afirmaron que “os nenos e nenas pasáronllo en grande nesta actividade, na que puideron compartir uns últimos xogos cos seus compañeiros de clase antes das vacacións de verán”.