Friday 22 de November de 2024

Comeza a tempada de praias na Coruña, con medio cento de persoas no equipo de salvamento, socorrismo e atención médica


A cidade contará un ano máis con cinco bandeiras azuis nos seus areais

O Concello puxo en marcha este sábado 15 de xuño a nova tempada de praias na Coruña, coa incorporación do persoal adscrito ao servizo de salvamento, socorrismo, vixilancia e primeiros auxilios. Nas últimas semanas levouse a cabo a colocación das casetas e postos de salvamento de As Lapas e Oza, ademais de proceder á revisión e instalación dos equipamentos de megafonía necesarios para emitir a información de servizo e os comunicados de seguridade que determine o persoal de socorrismo presente nas praias.

Cómpre lembrar que o servizo de salvamento e socorrismo desta tempada estival prestarase ata o día 15 de setembro, todos os días, das 11.00 ás 21.00 horas, de forma ininterrompida. O persoal estará distribuído entre as praias de Riazor, Orzán-Matadoiro, As Lapas, Santo Amaro, Oza —que dará cobertura, ademais, á zona de Santa Cristina do Concello da Coruña— e á área de baño balizada no Parrote.

Ademais, o Concello tamén ten previsto un seguimento das calas de Durmideiras, cunha planificación de vixilancias diarias. En areais como Os Mouros disporanse aros salvavidas e tamén bandeiras de sinalización do estado do mar.

Un total de 57 persoas, entre as que se atopan profesionais de salvamento, socorrismo, atención médica e enfermaría, transporte sanitario e tripulación de embarcacións, integran o equipo que dará servizo á cidadanía nesta tempada de praias na Coruña.
Cinco bandeiras azuis nas praias da Coruña

Un ano máis, A Coruña conta con cinco bandeiras azuis nas praias da cidade, as mesmas que na anterior tempada estival. Os areais que volven contar con esta distinción
medioambiental son Riazor, Orzán-Matadoiro, Santo Amaro, As Lapas e Oza, recoñecidas pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC), baseándose nas valoracións efectuadas da calidade da auga, a seguridade e a súa xestión ambiental.