Inés Rey reivindicou a necesidade de que a lingua galega tamén teña recoñecemento no sistema de linguas de signos, do mesmo xeito que o catalán e o español
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, xunto coa presidenta da Asociación de Sordos, Mª Carmen Monelos Suárez, presidiu a lectura do manifesto en conmemoración do Día Nacional das Linguas de Signos celebrada esta mañá en María Pita, unha década despois de que se asentara a efeméride.
No acto tamén participaron Diego Fernández Álvarez, socio de Aspesor; Roberto Couñago, intérprete de lingua de signos, xunto con socios, colaboradores e familias vinculadas á asocición. Tamén estivo a concelleira da Área de Benestar Social, Yoya Neira, xunto con outros membros da corporación.
Rey reivindicou a necesidade de que a lingua galega tamén teña recoñecemento no sistema de linguas de signos, do mesmo xeito que o catalán e o español. Lembrou que no pasado mandato, coa renovación do rexistro, o Concello habilitou un sistema de axuda e interpretación en lingua de signos co obxectivo de que as persoas sordas poidan realizar os trámites administrativos en igualdade de condicións.