Saturday 16 de November de 2024

O Concello completa a expropiación dos terreos afectads pola ampliación da estrada entre Santa Margarida e a DP-2404


Paralelamente iniciáronse os trámites administrativos para a inminente licitación do proxecto.

O Concello vén de completar o procedemento de expropiación das 65 parcelas afectadas polo proxecto de ampliación da vía de Montemaior que comunica Santa Margarida coa estrada provincial DP-2404 pasando polos núcleos de A Baiuca, Goexe, O Sopé e Propeste.
Tras realizar o pagamento aos anteriores propietarios dos terreos dos 62.600 euros que se investiron con fondos municipais na súa adquisición, e proceder ao levantamento das actas previas á ocupación, o Concello xa iniciou os trámites administrativos para a inminente licitación do proxecto, que está valorado noutros 393.000 euros xa contemplados nos orzamentos municipais deste ano.
A ampla e ambiciosa intervención suporá a mellora substancial dunha das vías vertebradoras das comunicacións na parroquia de Montemaior. O proxecto afecta a unha distancia de 2.355 metros lineais nos que a plataforma da calzada será ampliada ata os dez metros de anchura. Ademais de renovar o pavimento e mellorar a rede de recollida de pluviais, serán instalados elementos de seguridade como biondas e tamén está prevista a sinalización horizontal e vertical.
O investimento total, entre a expropiación dos terreos afectados e o orzamento do proxecto, o investimento superará os 455.000 euros.