O Concello leva desde mañá o programa a toda a zona de máxima concentración hostaleira
O Concello da Coruña porá en marcha mañá, sábado 15 de xuño, a segunda fase do programa de recollida de residuos Porta a Porta, unha iniciativa creada polo Goberno de Inés Rey e executada en colaboración co tecido hostaleiro do barrio de Pescaría co obxectivo de dar facilidades ás e aos profesionais do sector para desbotar o lixo procedente establecementos hostaleiros e, á vez, reducir a súa aportación aos contedores colectivos ubicados na vía pública.
A diferencia da primeira fase deste programa, que incluía os locais de hostalería das rúas Olmos e Galera, ao contar coa maior densidade de establecementos na Zona Centro de Máxima Concentración Hostaleira (ZCMCH), nesta segunda fase a iniciativa esténdese a toda a zona centro, pasando a ter, nestes momentos, máis de 100 negocios adheridos fronte aos 30 do pasado período vacacional. Ademais, tras as sucesivas reunións entre os técnicos municipais e os responsables de hostalería, leváronse a cabo solucións persoalizadas para cada negocio en función das dimensións dos locais ou das características dos residuos. Deste xeito, os colectores teñen diferentes dimensións en función do local.
As rúas nas que estará implantado este programa serán: Marqués de Pontejos, Florida, Ánxel, Torreiro, Barreira, Estrela, Santa Catalina, San Andrés, Fernando Arenas Quintela, Nova, Alameda, Mantelería, Juana de Vega, Real, Capitán Troncoso, Marqués de Cerralbo, Pío XII, praza de María Pita, Santiago, Fama, Montoto, Marina, Estacada, Cantón Pequeno, Rego de Auga, Franja, San Nicolás e Bailén.
A diferencia dos sistemas tradicionais, nos que as persoas depositan os seus residuos en contedores comúns en espazos públicos, o programa Porta a Porta fundaméntase en que é o servizo municipal o que acode a cada local adherido á campaña, para recoller o contedorou contedores que, previamente, e de forma gratuíta, lle son entregados debidamente rotulados a cada local de hostalería, debidamente rotulado co nome do establecemento.
A recollida lévase a cabo con pequenos vehículos eléctricos, silenciosos, capaces de moverse por rúas estreitas e que circularán facendo paradas fronte aos locais adheridos. A recollida realizarase mediante contedores de peche con chave e nominais. Ditos contedores, coa fracción ben segregada por parte do persoal de hostalería, serán colocados fronte á porta de cada establecemento para o seu vaciado por parte do persoal de recollida, que o fará ao paso e nos horarios previamente establecidos.
Durante o verán recolleranse os residuos orgánicos e inorgánicos diariamente en dúas quendas, de día e de noite. Por outra banda, o vidro recollerase pola mañá os luns, mércores, venres e domingos; e o papel e cartón, tamén pola mañá, os martes, xoves e sábados.