Friday 22 de November de 2024

A Real Filharmonía de Galicia presenta a súa nova temporada 2024/2025, titulada ‘Inconformistas’


Baldur Brönnimann, director titular e artístico, pon en valor a pegada de creadoras e creadores que desafiaron os canons e abriron novas vías sonoras. A formación das novas xeracións seguirá a ser un dos obxectivos estratéxicos. A orquestra incorpora dúas novas figuras artísticas: a violinista Amandine Beyer será artista en residencia e Raquel García-Tomás será compositora en residencia

A Real Filharmonía de Galicia presentou este venres as chaves da temporada 2024-25 nun acto desenvolvido na Escola de Altos Estudos Musicais que contou coa participación de Goretti Sanmartín, alcaldesa e presidenta do Consorcio da Cidade de Santiago; Míriam Louzao, concelleira de Capital Cultural; Belén Hernández, xerente do Consorcio de Santiago; Xaquín López, director-xerente do Auditorio de Galicia; Baldur Brönnimann, director titular e artístico da Real Filharmonía de Galicia; Sabela García Fonte, directora técnica da Real Filharmonía de Galicia; e Raquel García-Tomás, a primeira compositora en residencia da RFG.

‘Inconformistas’ é o lema desta nova temporada co foco en compositoras e compositores que ousaron desafiar as normas establecidas abrindo novos territorios sonoros. Deste xeito, a programación ten como fío condutor a música de tres figuras destacadas da composición: parte de Ludwig van Beethoven, ‘o inconformista orixinal’ quen sentou as bases do repertorio orquestral moderno; detense tamén na figura de Hector Berlioz, grande experimentador da tímbrica, e esténdese ata o presente, coa atención na anovación compositora de Raquel García-Tomás.

No tecido deste fío narrativo, a tempada percorre a traxectoria e as obras de artistas incomprendidas/os no seu tempo cuxa pegada é hoxe indiscutible no gran repertorio musical: aos nomes de Franz Schubert, Anton Bruckner, Gustav Mahler, Charles Ives, Edgard Varèse, ou Frank Zappa —por citar só algúns deles—, súmanse os de mulleres como Marianne von Martinez, Elisabeth Jacquet de la Guerre, Ruth Crawford-Seeger, que contribuíron a traspasar fronteiras sonoras e de xénero.

O inconformismo, a chave para avanzar

Na súa intervención a alcaldesa e presidenta do Consorcio de Santiago, Goretti Sanmartín, destacou o valor do concepto da nova temporada, sinalando que “cando non nos conformamos, medramos, somos mellores e estamos na vangarda”. Así, fixo fincapé no extraordinario repertorio que interpretará a Orquestra, que mesturará pezas clásicas con novas creacións, facendo posible chegar a todos os públicos e incorporando novos ouvintes. Asemade, Sanmartín lembrou o importante papel que a RFG xoga como motor social e cultural da cidade, que posibilita que a sociedade goce dun dereito colectivo como é a cultura.

O inconformismo é, sen dúbida, a chave para avanzar, en calquera eido da vida, e tamén na música. Baldur Brönnimann, director titular e artístico da Real Filharmonía de Galicia, explicou que moitas das grandes obras musicais da actualidade foron no seu tempo pezas controvertidas, que foron en contra de convencións e romperon moldes. “Se se mira atrás, a historia da música é a historia de inconformistas”, apuntou. Repasando a proposta musical para a temporada 24-25, salientou o gran reto e responsabilidade da Orquestra, que apoiará o tecido musical de Galicia e impulsará a nova creación para xerar un patrimonio galego musical de cara ao futuro.

Novas figuras: artista en residencia e compositora en residencia

A Real Filharmonía de Galicia incorpora neste curso dúas novas figuras artísticas en residencia que ocuparán un papel central na exploración de novas sonoridades e camiños creativos. Por unha banda, a violinista e directora francesa afincada en Vigo Amandine Beyer, recoñecida como unha das violinistas barrocas máis extraordinarias da actualidade, dirixirá a orquestra en tres programas con repertorio histórico.

Por outra banda, a compositora Raquel García-Tomás, Premio Nacional de Música 2022, estará presente na programación da orquestra con tres obras. Unha delas, Ceci n’est pas une vals, é unha co-encarga da Real Filharmonía, o Palau de la Música Catalana, a Orquestra Simfònica del Vallès e a Fundació Catalunya-La Pedrera, e será presentada en estrea absoluta o día 7 de novembro.

Nova creación

Alén da incorporación destas novas figuras, o estímulo á anovación creativa toma forma coa presentación doutras dúas obras feitas por encarga da Real Filharmonía de Galicia para esta temporada: a compositora vasca Helga Arias presentará no mes de marzo unha obra realizada en co-encarga coa Orquestra Basel Sinfonietta e o galego Miguel Matamoro estreará en maio a súa peza Endurance, feita tamén por encarga da RFG.

Solistas e directoras/es

Artistas de sona na contorna estatal e internacional volverán acompañar a RFG durante esta temporada. Vellos coñecidos como Pablo González, Jessica Cottis, Jordi Francés, Diego Martin-Etxebarria, ou Nil Venditi uniranse a novas descubertas como a enérxica directora Chloé van der Soeterstède e intérpretes de excepción como Vadym Kholodenko, Noelia Rodiles ou Vasco Dantas (ao piano), Iñaki Alberdi (ao acordeón), Alena Baeva (ao violín) Sara Ferrández (á viola), Marie-Claude Chappuis (mezzosoprano) ou Juanjo Guillén (na percusión).

Talento galego

A Orquestra non esquece o seu compromiso coa promoción e estímulo do talento musical galego, que tomará de novo o escenario da man de cantantes como Emilia Pérez, Lucía Iglesias e Lucas López (nun proxecto en colaboración coa Asociación de Amigos da Ópera de Santiago). En decembro, o director Javier Fajardo, a soprano Susana García Pico e o contratenor Alberto Miguélez protagonizarán o proxecto participativo Cantamos! no que coros de toda Galicia se unirán para realizar dous concertos. E no mes de marzo fará a súa intervención o destacado trompista David Fernández, na actualidade solista da Orquestra Filharmónica de Rotterdam.

Apoio ás novas xeracións

Ao asumir a dirección da RFG, Baldur Brönnimann expresou a firme intención de converter os espazos habitados pola Orquestra en contornas idóneas para o acollemento e promoción de novos talentos musicais. Este propósito constatouse na temporada 2023-24 en iniciativas novidosas como o Obradoiro de composición de obras sinfónicas ou a selección dun director asistente mediante un proceso competitivo resolto a finais de 2023 que lle valeu o posto ao estadounidense Sebastian Zinca. Incorporado ao traballo regular en xaneiro de 2024, Zinca enfronta agora a súa primeira temporada completa coa Orquestra nun período no que o apoio ás novas xeracións se consolidará coa convocatoria dun Obradoiro de dirección no mes de decembro e o desenvolvemento do 2º Obradoiro de Composición —en colaboración co Festival RESIS—- no mes de maio.

Alén destas iniciativas, a RFG manterá o traballo conxunto coa Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM) a través da intervención do estudantado do Curso Avanzado de Especialización Orquestral en 14 concertos. É esta unha colaboración fundamental entre as dúas institucións que ofrece a intérpretes noveis a oportunidade de traballar directamente con instrumentistas profesionais.

Concertos fóra de abono

En liña co tema da temporada, os concertos didácticos e familiares serán tamén ‘inconformistas’ e gardarán lugar para espectáculos e colaboracións excepcionais como ‘O Grande Beethoven’, do Serviço Educativo da Casa da Música de Porto; ‘As preguntas sen resposta?’, un programa singular conducido por Sebastian Zinca e ideado por Olaia Novo; e ‘Parade, o circo dos valentes’, da man da compañía teatral La Maquiné.

Tan importante como fortalecer os lazos coas persoas abonadas é chegar a públicos diversos, conquistar novos espazos colaborar con iniciativas de corte social. Con esa premisa, a RFG abre a temporada con concertos de balde en diferentes barrios composteláns. Nos días 18, 19 e 20 de setembro, visitará Galeras, Santa Marta e Igrexa da Mercé de Conxo. Ademais, o día 27 do mesmo mes ofrecerá un novo concerto en colaboración con Sensoxenoma, un proxecto investigador promovido polo IDIS que analiza o vínculo entre a música e a cura dalgunhas enfermidades. E o día 16 de novembro visitará a Cidade da Cultura para presentar un programa con obras de Vivaldi e Richter nunha actuación co concertino James Dahlgren dirixida por Brönnimann.

En xaneiro e maio, os concertos (EN)FOCO, programados no serán dos venres, propiciarán novas modalidades de escoita e lecer en sesións comentadas que procuran achegar ao público as claves musicais das obras interpretadas nun ambiente distendido. Haberá dúas modalidades de asistencia: entrada simple, cun custo de 10€ ou entrada con bebida e petisco na cafetería Lasso, cun custo de 18€.

A programación 2024-2025 da Real Filharmonía inclúe ademais espectáculos fóra do circuíto compostelán que cómpren coa súa misión de vertebrar musicalmente Galicia. Ofrecerá concertos nas cidades de Pontevedra, Vigo, Ourense, Lugo, Ferrol e A Coruña e chegará no verán ás localidades de Celanova, Merza e Lalín.

Abonos
A renovación dos abonos realizarase os días 17, 18, 19, 20, 21 e 24 e 25 de xuño de 2024 no teléfono do Auditorio de Galicia (981 571 026) e os novos abonos poderán solicitarse os días 26, 27 e 28 de xuño así como o 16, 17, 18, 19 e 20 de setembro no despacho de billetes do Auditorio de 10h a 14h.

Ás modalidades de abono habituais a temporada engade os abonos Fexible 10 e Fexible 5, que permite ás persoas portadoras escoller, respectivamente, 10 ou 5 concertos entre todos os programados.

As entradas individuais poderán sairán á venda a partir do día 24 de setembro e poderán ser adquiridas (cos descontos habituais para persoas desempregadas, perceptoras de rendas sociais, xubiladas, maiores de 65 anos, estudantes, menores de 25 anos e membros de familias monoparentais ou numerosas) en compostelacultura.gal, no despacho de billetes da Zona C · Punto de Información Cultural (aberto de martes a sábado, de 11 a 14 horas e de 16 a 19 horas) e no despacho de billetes do Auditorio de Galicia (aberto o día de cada concerto dende unha hora antes do seu inicio).