O último domingo deste mes volveremos ter mercado local nos xardíns municipais. Unha cita co comercio de proximidade que busca revitalizar as feiras de antano como punto de encontro directo e sen intermediacións de quen produce e quen consume. Unha idea que pouco a pouco vai callando, xa que a proporción dos postos de alimentación, planta e horta é cada vez maior con respecto ao resto de expositores. Porén, ademais do mercado do domingo 28 impulsado polo departemento de Desenvolvemento local, no concello desenvolveranse nos días previos varias actividades que buscan reivindicar as posibilidades do traballo agrogandeiro.
A primeira delas desenvolverase o 17 de febreiro ás 19.00h. na Casa da Xuventude e será unha charla que versará sobre as potencialidades agrogandeiras da nosa zona e das axudas públicas existentes para crear novas explotacións. Porén neste foro tamén se abordarán as liñas de subvención para impulsar métodos de transformación e cauces de comercialización, posto que adoitan ser os produtos transformados os que posúen un maior valor engadido. A charla impartiraa persoal técnico da Oficina Agraria Comarcal de Ferrol e non será precisa inscrición previa.
Dous días despois, o venres 19, a Asociación Agroecolóxica A Cortiña e mailo Concello organizan unha nova sesión de formación e debate para falar sobre os xeitos de impulsar a agroecoloxía. A produción amparada polo distintivo da agricultura ecolóxica foi a única que medrou en tempos de crise e está ofrecendo boas perspectivas de futuro gracias ao tirón dun consumo que medra exponencialmente e que, en moitos casos, non consegue cubrir a súa demanda.
A asociación creada recentemente en San Sadurniño ten como principal misión ofrecer formación, pero tamén buscar maneiras de que se artellen novas experiencias neste campo coas miras postas en que desde aquí se poidan estruturar unha produción e unha comercialización estables. Así, o principal punto da charla -aberta a membros da entidade e a calquera persoa interesada- será o das necesidades formativas, de asesoramento e de mellora da produción, xunto coas posibles vías de comercialización e de colaboración entre os agrogandeiros e agrogandeiras da zona.
A última das sesións previas ao mercado local desenvolverase o venres 26 de febreiro tamén na Casa da Xuventude e ocuparase do cultivo de castiñeiros para a produción de castaña. Ramiro Martínez -enxeñeiro técnico agrícola e propietario dos viveiros O Pomariño- leva 20 anos recuperando e multiplicando especies froiteiras do país, entre elas o castiñeiro. A castaña está rexurdindo como produto estrela en zonas que foron capaces de conservar os soutos tradicionais, varridos noutros lugares de Galicia pola tinta do castiñeiro e, principalmente, pola actividade forestal. O rexurdir vén motivado por varias razóns: un longo periodo de conservación, posibilidades de transformación de alto valor engadido -marrón glacé, por exemplo-, por ser un produto de alta demanda estacional, por ser compatible coa gandeiría -incluso como complemento alimenticio de finalización para cochos criados en semiliberdade- e incluso por poder asociarse á micoloxía, sen perder de vista as posibilidades madeireiras.
Na nosa zona houbo soutos, aínda que non o pareza. O Catastro de Ensenada ao que fai referenza o libro Historia de San Sadurniño ata a metade do século XVIII móstranos que en todas as parroquias do municipio os castiñeiros e o seu froito eran fundamentais para a economía labrega. Agora ofrecen novas oportunidades aproveitando os adiantos e coñecementos que hai sobre o seu cultivo. E diso vai falar Ramiro Martínez. Concretamente do material vexetal máis axeitado para formar un souto, os marcos de plantación e os coidados que requiren as árbores que, malia ser resistentes á tinta, si se ven ameazadas por outras enfermidades que requiren vixiancia constante e tratamentos axeitados.
Esta charla sobre o cultivo de castiñeiros para produción de froito está organizada pola AGFA do Eume e mailo Concello.
Mercado local
E así chegaremos ao domingo 28 de febreiro, día de mercado local no que seguramente poidamos atopar moitos produtos de temporada e de excelente calidade, ademais de artesanía e artigos de segunda man. A estas alturas folga explicar como se desenvolverá o evento que, coma sempre, arrancará sobre as 10 da mañá e finalizará sobre as tres da tarde.
Quen queira poñer un posto debe solicitalo antes das 14.00h. do día 24 de febreiro. Terá que cubrir o formulario que hai ao pé desta noticia e despois entregalo no rexistro municipal, levalo á Casa da Cultura en horario de mañá, mandalo por correo ao Concello -Lugar do Casal 16, 15560 San Sadurniño- ou ben envialo cuberto á conta de correo agustin.perez@sansadurnino.gal. A listaxe de postos admitidos publicarase o xoves 25.