Thursday 21 de November de 2024

Neda programará no 2024 unha ducia de espectáculos incluídos na Rede cultural da Deputación


Unha ducia de espectáculos chegarán a Neda este ano da man da Rede cultural da Deputación da Coruña. A programación, cofinanciada polo Concello, permitirá contar na vila durante o segundo semestre do ano con propostas teatrais, musicais e cinema, que se sumarán ás xa desfrutadas no festival “Neda en danza”.

Así, no marco do programa Escena ao vivo!, protagonizado por compañías e grupos profesionais de toda Galicia, a veciñanza tivo ocasión de gozar na localidade das actuacións de Elahood (“Intempestiva”), Daniel Rodríguez (“A raíz de”) e Cristina Montero (“Outr@”) no apartado de danza.

No que resta de ano a oferta ampliarase tamén aos campos do teatro e da música en directo de primeiro nivel. Entre as propostas destacadas, pódese sinalar “O auto do Castromil”, proxecto de Producións Teatrais Excéntricas gañador do III Certame de Proxectos Teatrais Manuel María; “De algo hai que morrer” de Malasombra Producións ou “Cubo” de Elefante elegante.

No plano musical, entre outras, a presentación do novo disco de O sonoro maxín, que leva por título “A primavera ten que ser nosa”. A carteleira incluirá tamén cinema de animación en galego.
A Deputación da Coruña e o Concello de Neda cofinanciarán os espectáculos, ascendendo a subvención provincial a 18.211 euros.