Friday 22 de November de 2024

O BNG de Oleiros advirte do estado deficiente das beirarrúas na contorna do Parque Luís Seoane


O BNG levará ao vindeiro pleno de xuño as deficiencias dun dos centros neurálxicos do verán oleirense, emprazamento de Alfaroleiros e lugar de paso diario para veciñanza e visitantes

Iván Roca portavoz do BNG “ Pediremos ao Concello que resolva os problemas antes de agosto e preguntaremos se a razón pode deberse á propia natureza do terreo”

O BNG de Oleiros puido ir comprobando nas últimas semanas como gran número das baldosas das beirarrúas que circundan o parque Luís Seoane de Santa Cruz están soltas, bailando.

O perigo potencial de accidentes para as persoas viandantes que se pode producir todo o ano agrándase no verán, pois é unha zona na que aumenta moito o número de paseantes, ademais de ser o emprazamento de Alfaroleiros e das súas actividades paralelas en agosto e lugar de paso para moita xente os días das festas da localidade. O BNG entende, pois, que antes de agosto calquera desperfecto na zona debería estar reparado, previa supervisión polos servizos municipais do estado da vía pública.

O parque Luís Seoane foi construído nunha zona de braña, un humidal. As abondosas choivas dos últimos meses poderían ser a causa destes desperfectos. O BNG preguntará ao Goberno local se é coñecedor desta situación e dos motivos da mesma e se non sería posíbel que esta supervisión se realice periodicamente para evitar o deterioro das vías públicas alí onde se sabe que a natureza do terreo o poida facer preciso.