Salienta o papel deste museo na recuperación e conservación da memoria colectiva da nosa Comunidade, ao protexer e difundir o legado histórico-educativo de Galicia
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, pon en valor o labor do Mupega como espazo vivo na historia pedagóxica de Galicia e considérao fundamental para comprender a realidade educativa actual, grazas ao seu traballo tanto expositivo como investigador.
Así o destacaba o xefe de Executivo galego esta tarde, na inauguración da exposición O mundo nas mans. Cartografía Escolar nos séculos XIX e XX, no Museo Pedagóxico, onde asistiu acompañado polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez.
Alí, o máximo representante autonómico salientou o papel deste museo na recuperación e conservación da memoria colectiva da nosa Comunidade, ao protexer e difundir o legado histórico-educativo de Galicia, e sinalou que conforma un repertorio de valor incalculable.
Segundo sinalou, a través desta institución, Galicia mantén o contacto co esencial do pasado e co labor dos que sentaron as bases para ofrecer unha educación de calidade.
Logo de subliñar que a Comunidade conta cun museo único en España, que se foi incorporando a organizacións museísticas tan importantes como o ICOM ou o Consello Galego de Museos, Feijóo agradeceu ao equipo que o conforma a profesionalidade, sensibilidade e calidade científica que os caracteriza en cada traballo que realizan.
O mundo nas mans
No que atinxe á exposición, o titular da Xunta afirmou que se trata dun compendio de gran valor documental sobre as etapas evolutivas das ciencias centradas no espazo, que reflicte como foron evolucionando ao longo dos séculos os coñecementos sobre esta materia e, de xeito paralelo, as formas de ensinalos e aprendelos.
Con respecto a isto, destacou algúns dos elementos da mostra, como son a Carta Xeométrica de Galicia, de Domingo Fontán, que constitúe o primeiro mapa científico da Comunidade e o primeiro en España realizado a través de métodos científicos e medicións matemáticas. Segundo apuntou, douscentos anos despois a Carta Xeométrica segue considerándose un documento fundamental da cartografía galega.
Do mesmo xeito, Feijóo puxo en valor outra das obras expostas na mostra, Nociones de Geografía, do profesor José María Crespo Rodríguez, o primeiro manual de Xeografía integramente dedicado a Galicia, así como a representación tridimensional de Galicia do xeógrafo Francisco Río Barja.