Pasados seis meses do 2024, considera que hai moitos dos proxectos que figuran no acordo orzamentario asinado polos socialistas que “non están indo á velocidade” para que se conclúan este ano
“Nós fomos leais coa cidade, esperamos que agora a alcaldesa responda con esa mesma lealdade e renda contas” afirma.
O PSOE reclámalle ao bipartito a creación dunha comisión de seguimento do grao de execución dos orzamentos municipais, logo de facilitar a súa aprobación cun acordo asinado a finais do pasado ano. O secretario xeral dos socialistas composteláns remitiulle este mércores unha carta á alcaldesa na que solicita a creación de este órgano, que estaría configurado pola parte socialista pola comisión negociadora dos propios orzamentos, da que formaron parte o propio Bouza, o portavoz municipal, Gonzalo Muíños, a vicesecretaria xeral, Marta Santullano e a edil Marta Abal.
Aitor Bouza non oculta a súa preocupación por proxectos que viñan do mandato socialista e que dependen de fondos europeos que “poderían perderse” se non se impulsa a súa execución. Exemplo de isto son o proxecto de renaturalización Entre Sar e Sarela que contempla actuacións varias na lagoa do Auditorio, a lagoa de Cornes ou o xardín botánico: “hai proxectos que non se están poñendo enriba da mesa e non están indo á velocidade suficiente que permita que concluamos o ano con eles rematados”.
Insiste Bouza en que pasados seis meses é momento de esixir unha rendición de contas: “estamos a metade de ano, consideramos que fomos responsables á hora de comezar a esixir o cumprimento efectivo de este acordo”.
Neste sentido, reivindica a posición “leal” que os socialistas mantiveron na negociación orzamentaria, trasladando as “reivindicacións sociais” e incorporando nas contas para este 2024 os proxectos herdados que viñan da etapa de Sánchez Bugallo. “Do mesmo xeito que nós fomos leais coa cidade, esperamos que a alcaldesa responda con esa mesma lealdade e renda contas” nunha comisión de seguimento que, reclaman, se constitúa “á maior brevidade”.
“O PSOE non da cheques en branco ao goberno municipal, senón que vai esixir o cumprimento dos acordos” recalca Bouza que fía ao cumprimento do acordo orzamentario a relación entre o PSOE e o bipartito en todo o mandato: “o cumprimento de este acordo será o que nos permita ver como vai ser a nosa relación co goberno municipal nos vindeiros tres anos”.
Transparencia na ordenanza das VUT
A preguntas dos xornalistas, Aitor Bouza insistiu unha vez máis en reclamar ao goberno local “transparencia” na proposta de ordenanza para regular as vivendas de uso turístico. Unha ordenanza que, insiste en lembrar, tan só regula a comunicación previa dos propietarios de pisos que queiran destinar a vivenda ao alugueiro turístico durante os dous meses anuais que permite a modificación do Plan Xeral, pero que exclúe a regulación dos usos preexistentes.
“Seguimos sen coñecer cal foi a proposta de ordenanza que os servizos xurídicos do Concello rexeitaron” denuncia Bouza en relación a un borrador no que se ampara o bipartito para xustificar a inviabilidade legal da regulación das vivendas que xa operaban con anterioridade á modificación do PXOM.
“O noso compromiso foi escoitar a todas as entidades para poder conformar a nosa postura definitiva” explica Bouza logo de reunirse con algunha das asociacións implicadas, aínda que asegura seguir “no mesmo punto”: “nós non podemos confirmar que vaiamos apoiar esa ordenanza”. Cuestiona o socialista que o goberno municipal non dera “ningún paso para poder clarificar que vai facer coas vivendas preexistentes” e insiste en pedir claridade ao goberno local.