Friday 22 de November de 2024

A Coruña será o epicentro do tríatlon nacional coa celebración das probas Sprint e Relevos Mixtos de Talentos


O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, recibiu á organización da proba, que se disputa esta fin de semana no Parrote con 2.200 deportistas confirmados

O tríatlon nacional mira cara á Coruña pola disputa a esta fin de semana do Campionato de España de Tríatlon Sprint, que se celebrará o sábado 15 e domingo 16 de xuño. O Parrote, o paseo marítimo e a praza de María Pita volverán a ser escenario do encontro das e os mellores triatletas nacionais, nunha cita que tamén inclúe a última e decisiva xornada da liga Nacional de Clubs de Talentos de Tríatlon, reservada ás categorías cadete e xuvenil, co Campionato de España de Tríatlon por Relevos Mixtos de Talentos, e as carreiras de promoción do circuíto nacional Pho3nix Kids Triathlon Series by Javier Gómez Noya. En total, hai conformada a participación de 2.200 triatletas durante as diferentes probas.
“A Coruña volve a acoller unha gran competición deportiva nacional, algo que é xa moi habitual ao longo do ano, xa que desde o goberno municipal estamos fomentando a celebración deste tipo de eventos”, sinalou Manuel Vázquez, concelleiro de Deportes, que recibiu en María Pita á organización da proba e aos representantes de todos os clubes da cidade.

O programa de competicións na Coruña iníciase o sábado co circuíto nacional de promoción do Tríatlon e o Deporte entre a poboación escolar e infantil Pho3nix Kids Triathlon Series by Javier Gómez Noya. Disputarase nunha carreira non competitiva de acuatlón, con saídas ás 11.00 horas para as categorías benxamín e prebenxamín; 11.30 horas para categoría alevín; e 12.00 horas para infantil e cadete, con distancias adaptadas ás idades de cada categoría.

As probas competitivas comezarán ás 15.15 horas coa disputa do Campionato de España de Tríatlon por Relevos Mixtos de Talentos, con equipos mixtos de 4 triatletas que realizan cada un un tríatlon SuperSprint antes de pasar a posta ao seguinte relevista ata o final en meta da última triatleta. É a última xornada da liga Nacional de Clubs de Tríatlon Talentos 2024. O Tríatlon Squali Carabanchel feminino e o Cidade de Lugo Fluvial masculino lideran as clasificacións de liga en Primeira División.

Tamén o sábado 15 disputaranse as primeiras carreiras do Campionato de España de Tríatlon en distancia Sprint, con saídas para grupos de idade masculinos ás 16.40 horas, e inicio da competición de grupos de idade femininos ás 17.20 horas. As carreiras Elite celebraranse pechando a xornada, coa proba feminina a partir das 19.25 horas, e a masculina ás 20.45 horas.

O domingo 16 de xuño continuarán os campionatos de España individuais coas categorías júnior, xuvenil e cadete, con series preliminares clasificatorias para as finais de cada categoría. As preliminares cadetes comezarán ás 9.00, as xuvenís ás 10.00, e as júnior ás 11.00 horas. As finais disputaranse a partir das 12.30 en cadete masculino; 12.35 en cadete feminino; 13.15 en xuvenil masculino; 13.20 en xuvenil feminino; 14.00 en júnior masculino; e 14.05 en júnior feminino.