Friday 22 de November de 2024

Permae e Down Coruña poñen en marcha unha campaña piloto de compostaxe inclusiva no CEIP Isidro Parga Pondal


O proxecto “Compostaxe pola aprendizaxe” é unha innovadora campaña piloto de compostaxe inclusiva organizada Permae e a Asociación Down Coruña no CEIP Isidro Parga Pondal de Santa Cruz, co apoio de Lenzo Estudio e BAYGAR. Neste programa, persoas con Síndrome de Down xestionan os residuos orgánicos do comedor escolar, onde 300 estudantes comen diariamente, transformándoos en compost nunha área especialmente construída xunto á horta do colexio. Este proxecto non só promove a sustentabilidade e a educación ambiental entre o alumnado, senón que tamén proporciona unha valiosa experiencia laboral e fomenta a inclusión social das persoas con discapacidade.

Para a posta en marcha do proxecto construíuse unha área de compostaxe xunto á horta do colexio, onde se realizarán as labores de compostaxe. Foron estas persoas traballadoras as que realizaron o proceso de recuperación desta zona, apreciándose nas imaxes o antes e o despois.

O proceso de xestión de residuos xestionarase da seguinte maneira: o persoal do comedor, coa axuda dos escolares, separará os restos de comida doutros refugallos como panos de cociña e envases de iogur, depositándoos nun contedor específico. Cada día, catro persoas traballadoras en prácticas da Asociación Down Coruña, xunto cun coordinador, recollen estes restos e levan á área de compostaxe.

“É unha oportunidade para que os estudantes aprendan sobre a importancia da reciclaxe e, ademais, ofrece unha valiosa experiencia laboral a persoas con discapacidade.” comentou Loli Silva Núñez, directora do CEIP Isidro Parga Pondal.

Este proxecto piloto forma parte das prácticas laborais que realizan en Permae as persoas da Asociación Down Coruña. Estas estiveron formándose desde setembro de 2023 baixo a tutela dun educador ambiental incorporado recentemente ao equipo de traballo da asociación.

Jose Rodríguez Díaz, Coordinador Xeral da Asociación Down Coruña, engadiu: “Este programa é un paso importante cara á inclusión laboral das persoas con Síndrome de Down. A formación que recibiron e as actividades que levarán a cabo no colexio proporcionaranlles competencias que poderán aplicar neste ou noutros ámbitos laborais.”

Unha parte importante deste labor é a educación e concienciación ambiental polo que unha das tarefas as tarefas que se realizarán nas prácticas son charlas e obradoiros co alumnado impartidos polas persoas traballadoras en prácticas. Polo que este proxecto fomenta de forma clara a inclusión e educación tamén en valores ao alumnado do centro educativo.

Os obxectivos deste van máis alá de promover a sustentabilidade ambiental e de fomentar a inclusión social e laboral. Dende Permae e Down Coruña intentamos, co exemplo, mostrar que as persoas con discapacidade son capaces de desenvolver as habilidades e competencias necesarias para encabezar proxectos de compostaxe. Isto nos leva a un obxectivo principal, a xeración de postos de traballo inclusivos, polo que é unha preocupación a busca de financiamento para asegurar a continuidade e expansión do proxecto.

O cofundador de Permae, Rodrigo López Piquín, está entusiasmado co proxecto: “Estamos encantados de apoiar esta iniciativa e ofrecer un espazo onde estas persoas poidan aplicar os seus coñecementos nun contorno real. Desde a nosa fundación en outubro pasado tivemos clara a necesidade de traballar coa economía social. Pretendemos con esta iniciativa pór en valor un modelo de colaboración entre as empresas e as asociacións para ofrecer saídas laborais a persoas con discapacidade que ofrezan solucións aos problemas ambientais aos que nos enfrontamos”.

Para a súa posta en marcha contouse con Lenzo Estudio, unha cooperativa de realización e xestión de proxectos de marketing e comunicación, deseño e identidade de marca, eventos e escaparatismo. Esta cooperativa iniciou o seu traballo en agosto de 2023 e colaboraron coa imaxe gráfica, deseños e comunicación do proxecto.

Outro piar fundamental para este piloto é BAIGAR, unha empresa que nace en 1975 que está dedicada á venda e aluguer de maquinaria para a construción, posteriormente amplía os seus servizos aos sectores de industria e equipamento municipal. Este primeiro semestre vai superar os 1000 composteiros subministrados en Galicia e para este proxecto colaboraron subministrando ademais de composteiros, cun contedor marrón de 240 con chave para a zona exterior do comedor e con outro pequeno material necesario.

Ampliar este programa a outros centros e a illas de compostaxe comunitaria significará garantila viabilidade a longo prazo do programa, polo que en Permae están comprometidos coa busca de recursos e alianzas estratéxicas.