Unha nova competición estréase na Pobra do Caramiñal nesta fin de semana. Trátase do I Trofeo Rodas / Niveis Patinaxe Artística.
Aproximadamente 130 patinadores e patinadoras de categorías base citaranse nesta proba que se desenvolverá no domingo 16, a partir das 09.00 horas, no pavillón municipal de Venecia. Participarán os clubs Compostela, Omega, Brincadeira, Boiro, Ribeira e A Pobra.
Esta primeira edición inaugura o apartado de competicións do programa de verán O Deporte na Pobra 2024 segundo apunta o concelleiro dos Deportes, Eloy Sobrido. “Damos a benvida á época estival a nivel deportivo, pero tamén engrosamos o número de exhibicións deportivas na nosa localidade. Desta vez, teremos ocasión de desfrutar do talento de máis dun cento de patinadores e patinadoras de idades temperás” precisa o edil.