Friday 22 de November de 2024

O Concello de Carballo celebra o Día Internacional do Surf cunha xornada de surf adaptado


Un total de 650 estudantes de primaria e secundaria participan nas accións de divulgación da cultura do surf a través dos proxectos Rede de Pobos do Surf e Aprende a través do surfing

O Concello de Carballo anticípase ao Día Internacional do Surf, que se celebra o 15 de xuño, cunha xornada de deporte adaptado destinada á asociación Un paso máis. Este venres 14, de 16.00 a 19.00 horas, nenos e nenas da entidade sumaranse aos case 400 escolares de primaria que participaron este ano no programa Aprende a través do surfing, unha iniciativa da Federación Española de Surf impulsada no noso concello desde a Concellaría de Promoción Económica e Turismo.

Pero as accións de divulgación da cultura do surf en Carballo van máis alá, xa que, dentro do proxecto Rede de Pobos do Surf, chegaremos a 265 estudantes de secundaria dos IES Monte Neme, Alfredo Brañas e Parga Pondal. Os 100 primeiros participaron nestes últimos días en diferentes actividades, tanto nos centros educativos coma na praia, como un xeito de espallar os valores terapéutico, igualitario, inclusivo, ecolóxico e patrimonial do surf.

Para facelo posible contamos coa colaboración das escolas Boaola, Art Surfcamp e Paua, que se estreará mañá coa xornada de surf adaptado.

Rede de Pobos do Surf

Carballo e a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, en Galicia, e os municipios de Getxo (Euskadi), Ribamontán al Mar (Cantabria) e Castrillón (Asturias) son os municipios que formarán parte da Rede de Pobos do Surf, que persegue a xestión sostible do turismo de surf dun modo integral, que contribúa á conservación do medio natural, fomentando a protección das ondas e da costa e a súa regulación. Así mesmo, ten como obxectivo a promoción do patrimonio cultural, con especial énfase na gastronomía e a historia de cada municipio que pertenza á rede. A iniciativa recolle a creación de novos produtos turísticos ligados a actividades sostibles tematizadas (surf e patrimonio cultural, surf e lecer en familia, e surf e gastronomía), tendentes á desestacionalización do turismo nos respectivos territorios.