— A retrospectiva, que reúne pezas da colección de arte da Cámara galega, chega á Coruña tras o seu paso por Vigo, Ferrol, Lugo e Pontevedra
— O titular de Cultura da Xunta destaca a importancia de achegar á cidadanía “un patrimonio artístico descoñecido por moita xente”
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañados pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, participaron hoxe na inauguración da exposición A nosa arte. Colección do Parlamento de Galicia na sede de Afundación na Coruña. Esta mostra itinerante chega á cidade herculina tras o seu paso por Vigo, Ferrol, Lugo e Pontevedra, co obxectivo de difundir a colección do Parlamento de Galicia en diferentes puntos.
O titular de Cultura do Goberno galego enxalzou a iniciativa porque, dixo, “é unha forma de abrir o Parlamento de Galicia á cidadanía seguindo co seu espírito aperturista e integrador, e de achegar así un patrimonio artístico de gran valor para a nosa cultura descoñecido por moita xente”. Neste senso, López Campos recordou que a exposición que agora se pode visitar na Coruña “constitúe unha homenaxe ás persoas que colaboraron a forxar a historia e o sentir da Galicia que hoxe coñecemos a través de moitos anos de intensos movementos artísticos”.
A nosa arte, que poderá visitarse na sede de Afundación ata o 31 de agosto, reúne 37 pezas particularmente significativas da arte contemporánea galega, salvagardadas por unha das institucións máis sobranceiras da Comunidade como é o Parlamento. Así, o público ten a oportunidade de achegarse a unha das coleccións públicas máis valiosas e variadas que atesoura a memoria viva de Galicia.