Friday 22 de November de 2024

Laxe converterase esta fin de semana na capital galega do socorrismo coa acollida dunha dobre cita deportiva


· A praia de Laxe acollerá o sábado, 15 de xuño, a Fase Final de Praia da Liga Galega de Clubs e o domingo, día 16, o Campionato Galego de Praia Máster.

· Ambas probas reunirán no areal laxés a preto de 180 socorristas repartidos en 10 clubs chegados desde distintos puntos da xeografía autonómica.

O Concello de Laxe converterase ao longo desta vindeira fin de semana na capital galega do socorrismo e o salvamento coa acollida dunha dobre cita deportiva de gran transcendencia neste eido; a Fase Final de Praia da Liga Galega de Clubs, o sábado; e o Campionato Galego de Praia Máster, o domingo.

A primeira cita, a Fase Final de Praia da Liga Galega de Clubs, terá lugar desde as 10:00 horas do sábado, día 15 de xuño, e nela participarán un total de 117 socorristas repartidos en 8 conxuntos: o Club Salvamento y Socorrismo Carballo, Club Acuático Umia, Club Salvamento Acuático Pontevedra, Club Salvamento Acuático Laracha, Club Salvamento Sada, Club Salvamento Arteixo, Club Salvamento Acuático Ourense e Club Salvamento Vilagarcía.

Pola súa parte, a xornada dominical tamén dará comezo ás 10:00 horas, e nela serán 60 os e as deportistas que compitan no Campionato Galego de Praia Máster. Os clubs participantes serán: o Club Salvamento y Socorrismo Carballo, Club Acuático Umia, P. C Salvamento Sanxenxo, Virgantis Salvamento Bergantiños, Club Salvamento Sada, Club Salvamento Arteixo, Club Salvamento Acuático Ourense e Club Salvamento Vilagarcía.

A casa consistorial acolleu hoxe a presentación das probas, nun acto no que participou o alcalde, Francisco Charlín, xunto con demais representantes do goberno local e da Federación de Salvamento e Socorrismo de Galicia.

Durante a súa intervención, o rexedor laxés fixo un convite a que a veciñanza “se achegue a gozar dunha fantástica fin de semana deportiva na que a elite autonómica se da cita no noso municipio”. Do mesmo xeito, tamén puxo en valor “os fantásticos recursos naturais da localidade, que nos permiten acoller eventos desta índole”.