Son catro trazados situados nas parroquias de Igrexafeita e San Sadurniño
O orzamento supera os 88.000 euros
O Concello de San Sadurniño activou hai escasos días na Plataforma de Contratación co Sector Público a licitación das obras acollidas á subvención do Plan Marco de Camiños da AGADER. Son catro: o aglomerado entre a Pena da Meda e o Cando, en Igrexafeita -ademais do camiño que conecta co lugar do Couce- e dous pequenos tramos de asfalto na Curuxa e en Rupiallo, xa en San Sadurniño. O prezo base do contrato ascende a 88.617,93 euros, ive incluído, que se cubrirán en parte con fondos municipais. As empresas interesadas en executar as obras teñen até o próximo 25 de xuño para presentaren as súas ofertas económicas.
A intervención de maior envergadura ocuparase de aglomerar o tramo que enlaza a Pena da Meda co lugar do Cando, en Igrexafeita, sobre unha distancia de 1.170 metros, ademais de asfaltar unha pista adxacente que conecta co Couce. O proxecto completará deste modo todo o eixo que vai desde a antiga estrada das Pontes até o lugar do Castro, posto que a outra metade da pista -a que sobe desde o Cando até o Forgoselo- xa se reparara con este mesmo tipo de firme en 2020.
O trazado A Pena da Meda-O Cando incluírase dentro das propostas presentadas ao POS+ Complementario deste ano, en espera de que a Deputación da Coruña liberase unha nova partida económica para levalo a cabo.
Porén, a publicación da convocatoria do plan de camiños da AGADER financiado con fondos europeos permitiralle ao Concello adiantar a obra, despois de efectuar unhas pequenas variacións no proxecto para axeitalo aos fondos dispoñibles. Eses pequenos cambios consistiron na ampliación do alcance das obras, coas que tamén se asfaltarán outros 250 metros no núcleo da Curuxa e 255 no do Rupiallo, ambos en San Sadurniño.
O importe total da intervención, segundo a memoria técnica, ascende a 88.617,93 euros, dos cales se sufragarán 73.238 a través do Plan de Camiños, mentres que os 15.379,97 euros restantes -correspondentes ao IVE- deberán ser asumidos polo Concello, tendo en conta que esa contía posiblemente se vexa reducida na proposta económica da empresa que finalmente resulte adxudicataria dos traballos. De feito, o factor prezo outorgará ata 45 puntos de 100 posibles na valoración mediante fórmulas das ofertas presentadas.
A licitación deste contrato está publicada desde o pasado 5 de xuño na Plataforma de Contratación co Sector Público, dándo até as 23:59h do día 25 deste mes para presentar as propostas técnicas e económicas. O trámite debe facerse por vía electrónica.