Friday 22 de November de 2024

O IES Maruxa Mallo e o CEIP O Mesón do Vento asinan contratos-programa coa Consellería de Educación


Ambos os centros beneficiaranse de melloras nas competencias matemáticas, lingüísticas, científicas e tecnolóxicas. Susana García, edil local da área, reafirma a seu apoio a iniciativas desta índole que inciden na adquisición de valores e coñecementos académicos

O CEIP O Mesón do Vento e o IES Maruxa Maio asinaron esta semana coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria os contratos-programa. Unha iniciativa educativa da que se beneficiarán un total de 114 centros públicos da provincia da Coruña no curso 2015-16 (55 de primaria e 59 de secundaria).

Os proxectos deseñados polo IES Maruxa Mallo para esta convocatoria abranguen a mellora da competencia matemática, lingüística, científica e tecnolóxica. Tamén aspectos que inciden positivamente na convivencia, promoción da igualdade, prevención do abandono temperán e mellora do nivel para acadar a excelencia.

Unha mellora global baseada en proxectos tales como o lanzamento dunha cápsula espacial, a creación de titoriais sobre matemáticas, a elaboración de materiais multimedia, o proxecto Letras Galegas 2016, o premio Maruxa Mallo, a creación da Comisión de Igualdade, a formación para alumnado e familias sobre estratexias de estudo e a realización de curtametraxes e creacións audiovisuais. Estas actividades forman parte do Plan de Mellora do éxito escolar do Maruxa Mallo, e contarán co financiamento da Consellería de Educación. 

No que se refire ao CEIP O Mesón do Vento reforzaranse as competencias en matemáticas, ciencias e tecnoloxía. Cabe concretar que neste centro grazas ao Plan de Mellora da Bibliotecas Escolares xa se traballan áreas que abranguen contidos lingüísticos e dixitais.

Valores e coñecemento
Ao respecto a concelleira de Educación do Concello de Ordes, Susana García, celebra “ que dous centros académicos, un de primaria e outro de secundaria, se beneficien desta medida que corresponde completamente coa nosa filosofía e co obxectivo de evitar o abandono temperán do ámbito escolar e académico”. A edil destaca que “Dende Ordes apoiaremos calquera iniciativa que incida na adquisición tanto de coñecementos como de valores baseados na innovación, promoción da igualdade, plans de convivencia e competencias clave”.

Entre os obxectivos marcados polo conselleiro Román Rodríguez con esta medida, da que se beneficiarán máis de 29.000 alumnos e alumnas, figuran: mellorar a adquisición de competencias clave, favorecer a atención educativa dos colectivos máis vulnerables, apoiar a evolución do alumnado con maior capacidade e motivación para aprender, mellorar a calidade educativa e loitar contra o abandono temperán. Neste aspecto o último dato trimestral dispoñible sitúa o abandono en Galicia nun 15,7%, moi preto xa do 15% obxectivo da Estratexia, Educación e Formación 2020 da Unión Europea. Ademais, a media do ano 2015 foi do 17%, case 9 puntos menos cá media do ano 2009.