Friday 22 de November de 2024

A Universidade de Verán da USC estará en Ribeira do 8 ao 10 de xullo.


A Universidade de Verán da USC estará en Ribeira do 8 ao 10 de xullo.

O alcalde do concello de Ribeira, Luís Pérez Barral e o director do curso Xosé Luís Regueira, catedrático da USC, membro da RAG e membro do ILG, presentaron hoxe o curso de verán da USC que se vai desenvolver en Ribeira. Insistiron ambos os dous na importancia desta nova colaboración entre a USC e o Concello poñendo o foco no futuro da lingua galega, e no determinante que resulta poder asistir a convocatorias coma esta para ter unha visión contemporánea e crítica da realidade.
Recordaron tamén que o prazo de matrícula remata o día 28 de xuño, e animaron a participación.
A lingua galega no século XXI: desafíos e fronteiras é o título do curso da USC que se vai desenvolver en Ribeira entre o 8 e o 10 de xullo

Baixo a dirección dos catedráticos da USC e membros da RAG Xosé Luís Regueira e Henrique Monteagudo Ribeira vai ser a sede do debate e coñecemento, análise, dalgúns dos desafíos máis relevantes que debe enfrontar a lingua galega na actualidade e no futuro próximo, como a transmisión interxeracional, o perigo da extinción dixital e a situación creada pola presenza de poboacións migrantes con diferentes linguas e culturas. Ademais de describir a situación actual, o foco do curso estará na discusión das necesidades e nas estratexias para poder atendelas.

O Concello de Ribeira cofinancia o curso nunha aposta pola extensión do coñecemento e mais a ampliación das colaboracións que tan frutíferas están a ser coa USC, no tempo do inverno o IV Ciclo, e agora a Universidade de Verán. Un compromiso coa educación e a formación crítica.

O atractivo do tempo do verán leva o curso a ter accións prácticas nas tardes. Unha visita á illa de Sálvora, na que Quico Cadaval acompañará o alumnado cunha sesión de narración oral, unha ruta literaria por Ribeira, ou a visita ao Museo do Gravado de Artes serán os momentos de reflexión e de gozo da riqueza en patrimonio natural e cultural do noso concello.