Thursday 21 de November de 2024

O Concello aproba a expropiación de 120.000 m2 para a ampliación da Planta de Residuos de Nostián


A Xunta de Goberno Local tamén aprobou a tramitación do convenio relativa ao parque do Agra do Orzán polo que o barrio pasará a contar con 5.000 metros cadrados para uso público

Concedida a licenza de construción dun edificio de 40 vivendas de promoción pública en Xuxán, con 88 prazas de aparcadoiro

Mikel Erentxun protagonizará a actuación principal da noite de San Xoán 2024, a partir das 00.20 horas na Explanada de Riazor

A alcaldesa, Inés Rey, presidiu este mércores a sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local, que aprobou inicialmente o proxecto de expropiación de terreos para a ampliación da Planta de Residuos de Nostián.
En total, o proxecto recolle 91 parcelas do polígono 13 que se corresponde cunha superficie de 122.512,56 m2 entre todos os terreos. Rey explicou que se trata da primeira fase das expropiacións previstas, á que se sumará outra semellante para completar a ampliación da planta.

O prezo unitario por metro cadrado improdutivo ou matorral fixouse en 0,51 €, 2,67 € no caso de monte maderable e 22,36€ no de labradío. O Concello aboará en total de 269.237,78 euros, dividido nas persoas titulares das parcelas. O investimento corre a cargo do Orzamento Municipal de 2024. “Este é un paso necesario para a licitación da renovación de Nostián, proceso que estamos ultimando e que suporá un investimento de 368 millóns de euros” sinalou a alcaldesa.

Convenio para o parque da Agra do Orzán, con case 5.000 m2 de uso público

Tamén nesta Xunta de Goberno Local, o Goberno de Inés Rey levou a cabo a aprobación da autorización para a tramitación do convenio relativa ao parque do Agra do Orzán, polo que o barrio pasará a contar cunha superficie de uso público de preto de 5.000 metros cadrados. “Trátase dunconvenio que asinaremos nas vindeiras semanas e que supón unha grande oportunidade para facer unha actuación de renovación urbana nun barrio que a precisa” explicou a rexedora.

A superficie total divídese en 1.319 m2 de espazo libre privado de uso público, correspondente á zona localizada entre as dúas edificiacións que se crearán fronte á avenida Gregorio Hernández coa rúa Gil Vicente; xunto con 3.514 m2 de solo cedido ao Concello para espazo libre do Parque, na parte posterior á edificación. O novo parque do Agra do Orzán linda coas rúas Gil Vicente, José Amador López, Canceliña e Observatorio.

Con este convenio garántese a apertura visual e o acceso peonil dende a Avenida de Gregorio Hernández cara o futuro Parque do Agra, coa adscrición para uso público da parte da parcela privada comprendida entre os dous edificios. Rey sinalou que co convenio increméntase a superficie de uso público de espazo libre no barrio. Ademais, de acordo coa cesión da parcela colindante, o convenio recolle a posibilidade de construción dun futuro aparcamento soterrado no subsolo, de titularidade e uso público.
Logo dos procedementos xudiciais, o Tribunal Superior de Xustiza categorizou parte da parcela privada como solo urbano consolidado, mentres que outra parte foi catalogada como zona de espazo libre. “Coido que temos chegado a un bo acordo que conforma a primeira fase do futuro parque do Agra e que permitirá dotar dunha zona verde ao barrio que máis o precisa tras moitas décadas de agarda”, asegurou a alcaldesa. Explicou que o Concello traballa en paralelo coa AEMET para levar a cabo a apertura do parque do Observatorio, actuación recollida nos Orzamentos Municipais no marco do “Plan de humanización e investimento dos barrios da cidade”, cunha primeira fase para o derrubamento dos muros da Canceliña e da rúa Páramo.

Licenza para a construción de 40 vivendas públicas en Xuxán

Dando continuidade aos asuntos relativos á área de Urbanismo, a Xunta de Goberno Local fixo balance das licenzas resoltas no período entre os días 24 de maio a 6 de xuño. Con 210 expedientes notificados, dos que 34 foron licenzas urbanísticas e 127 foron obras en réxime de comunicado. Neste sentido, destaca como expediente particular a licenza concedida ao Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) para a construción dun edificio de 40 vivendas de promoción pública (VPP) en Xuxán, na parcela Z-13 do barrio.

O novo edificio estará dividido en cinco andares, nos que se repartirán as 40 vivendas e outros tantos rochos, 5 locais e un garaxe 88 prazas de aparcadoiro, divididas en dous sotos. O investimento total do proxecto é de 5,8 millóns de euros.

Reforma de Telefónica e novo supermecado no Polígono de Agrela

Tamén se aprobou a concesión da licenza que habilitará a Telefónica a reformar a CT (central telefónica) Montiño, sita na rúa Cerca nº 18, para adaptar a infraestrutura á normativa da compañía. O investimento previsto para a actuación é de case 2,5 millóns de euros.

Ademais, tamén se aprobou unha licenza para reformar as naves do número 19 da rúa Gambrinus, no Polígono de Agrela, concedida á empresa Mercartabria SLU. O obxectivo é implantar un novo supermercado que contará ademais de con áreas para oficinas, carga e descarga e reparto, cun aparcadoiro con 79 prazas das que tres serán de tipo PMR. O investimento previsto é de 1,7 millóns de euros.

Adquisición do inmoble modernista Casa Carré, en Eirís

A alcaldesa deu conta da adquisición da coñecida como Casa Carré, inmbole modernista cun importante valor patrimonial e histórico. O Concello aprobou a expropiación da parcela sita na Avenida Monelos nº 46 por un importe total de 459.619,14 euros, froito do acordo cos dous propietarios actuais, pertencentes á familia Carré. “A adquisición da Casa Carré e dos seus xardíns era un compromiso deste Goberno local cos veciños e veciñas de Eirís que hoxe cumplimos” sinalou Rey.

A casa foi fogar do escritor coruñés Eugenio Carré Aldao, dono da popular imprenta La Regional, e fundador da tertulia A Cova Céltica onde participaban numerosos galeguistas ilustres como Pondal ou Curros Enríquez. Ademais, a casa é obra do arquitecto Rafael González Villar, un dos máximos expoñentes do modernismo e o art nouveau da Coruña.

A alcaldesa explicou que o vixente Plan Xeral clasificaba a parcela como solo urbano e dotación local, destinada a viario, espazo libre e equipamento de carácter público. O barrio contará, deste xeito, cun novo parque e cun edificio histórico que terá uso dotacional, reforzando as infraestruturas públicas do barrio.

Mikel Erentxun, actuación principal do San Xoán 2024

Noutra orde de cousas, Inés Rey informou sobre avances na programación con motivo do San Xoán 2024. A rexedora desvelou que o artista e compositor Mikel Erentxun protagonizará a actuación principal da noite de San Xoán 2024.

O concerto terá lugar ás 00.20 horas do 24 de xuño, na explanada de Riazor. Será de balde e completarase con máis actividades programadas. Rey tamén presentou a imaxe da festividade deste ano que leva por lema “A Coruña é San Xoán”. “Seguindo a liña da campaña que lanzamos en FITUR, A Coruña, Cultura de Vivir, reivindicamos o que nos identifica como coruñeses e coruñesas, a nosa festa local máis querida e celebrada” concluiu.