Friday 22 de November de 2024

Martínez Sanjurjo aposta por un plan estratéxico global para recuperar o posicionamento do sector téxtil de Ordes


Fai un chamamento á Xunta e demais axentes implicados para “traballar na procura de propostas eficaces”. “A calidade da man de obra de Ordes continúa a ser unha seña de identide, incrementada polos investimentos en equipamentos e infraestruturas dos últimos anos” manifesta o rexedor

José Luis Martínez Sanjurjo, alcalde de Ordes, vén de mostrar o seu total apoio ao sector téxtil do municipio. “Durante décadas o nome de Ordes sempre estivo asociado á gran calidade do traballo realizado nas moitas plantas de confección que se foron instalando ao longo dos últimos anos. Unha boa fama que nos posicionou nos primeiros postos da industria téxtil. A nosa man de obra foi sempre unha das máis demandadas por importantes grupos e firmas comerciais do sector” explica o edil quen asegura que “no caso de Ordes esta alta calidade no resultado final dos procesos segue manténdose firme”. Incluso vai máis aló e engádelle máis valor e peso especifico dado o “importante invetimento realizado nos últimos anos que se traduce nunha modernización en maquinaria, equipamentos e infraestruturas por parte de moitos empresarios e cooperativas da zona”.

Por todo isto o José Luis Martínez Sanjurjo fai un chamamento ás administracións de rango superior, como é o caso da Xunta de Galicia, “para traballar conxuntamente na procura dun plan estratéxico e de dinámicas que contribúan ao reforzamento deste sector”. Un plantexamento no que os traballadores e empresarios da zona ocuparían un lugar protagonista, poñendo á súa disposición os recursos cos que conta o Concello. “O fin último é unirse para facer forza e retroalimentarnos da experiencia de cada un de nós acadada durante tantos anos, co obxectivo de procurar propostas eficaces que devolvan a nosa productividade téxtil ao lugar que merece”.

Saneamento financieiro
Martínez Sanjurjo da a cara por “un tecido produtivo e industrial de vital importancia para a economía do noso concello”, en referencia ás novas que se veñen publicando nos últimos meses referentes a peches e demais problemáticas de importantes firmas locais. “Trátase de aspectos e xestións de índole privada polas que non se deben calificar nin evaluar a todo un colectivo”. Seguindo con este aspecto dende Alcaldía solicítase a axuda e a aportación daqueles organismos, entidades, institutos económicos etc que poidan contribuir co seu saneamento financieiro.

Lembra o alcalde que a maior problemática que atravesa o sector vén dada sobre todo polo cambio de estratexias dos grandes grupos que lideran o sector, os cales apostan máis polo prezo que pola calidade. Unha filosofía que propicia o traslados das súas grandes prantas de producción a outros países nos que lles sae máis barata a man de obra e nos que, nalgúns casos tal e como se ten demostrado, en detrimento dos seus dereitos laborais e da súa seguridade.