Participaron persoas usuarias de APEM, Íntegro, Afaber e Aspaber e alumnado do CRA Ponte da Pedra
O obradoiro dual de emprego Carballo Coida II organizou unha entrañable xornada interxeracional na que xuntou a persoas usuarias de APEM, Íntegro, Afaber e Aspaber con alumnado do CRA Ponte da Pedra.
A iniciativa desenvolveuse no Fórum Carballo ao longo de toda a mañá, desde as 09.00 ata as 13.45 horas. A primeira hora chegaron os escolares, acompañados polas súas profesoras, e empezou a actividade: busca do tesouro, baile e un contacontos sobre a vida da mestra e científica Ángeles Alvariño utilizando a narración oral pero tamén a ilustración.
Tras unha primeira parte dedicada aos más pequenos e pequenas incorporáronse os usuarios das entidades, e, despois de compartir unha merenda preparada polo alumnado de Cociña do Fórum Carballo, empezaron a xogar xuntos: O verme xoguetón, Caída libre, Coco tolo, O país das marabillas, O niño das aventuras e O xogo da palliña, todos dinamizados polas alumnas do obradoiro de emprego, centrado na atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais.