Comezan os preparativos de cara á celebración da noite máxica de San Xoán e máis da festividade de San Pedro. O alcalde de Neda, Ángel Alvariño, vén de ditar un bando no que se establece o prazo para solicitar autorización no caso de que se queiran facer lumieiras en espazos públicos e as medidas que se deberán as persoas organizadoras para garantir a seguridade nas noites do 23 e do 28 de xuño.
Así, para realización de fogueiras en zonas de dominio público será imprescindible contar coa correspondente autorización municipal. E esta poderá solicitarse por rexistro xeral, presencialmente ou a través da sede electrónica, ata o mércores 19 de xuño.
Engade o edicto que, no caso das cacharelas que se realicen en terreos privados, non haberá que comunicalas á administración local, lembrando que o bando non regula “as comunicacións de queima de restos agrícolas amoreados, nin as autorizacións de queima de restos forestais” competencia de Medio Rural.
Preservar a seguridade
O bando recolle unha serie de condicións esixibles á totalidade das tradicionais fogueiras que se realicen na vila con motivo dos días de San Xoán e San Pedro, co obxectivo de minimizar riscos e “garantir a seguridade das persoas e bens”.
Así, non superar os 4 metros de diámetro nin os 3 de altura. Deberán gardar unha separación mínima de 10 metros dos inmobles, árbores e demais obxectos próximos que poidan resultar danados e, dende logo, nunca se farán baixo tendidos eléctricos ou telefónicos, nin nos arredores de almacéns de produtos inflamables. Tamén queda prohibida a queima de pneumáticos, gomas, plásticos, aceites e, en xeral, calquera outra substancia que desprenda fumes tóxicos, así como botar ao lume materiais inflamables.
Finalmente, subliña o bando de que ao remate da fogueira, e antes de abandonar a zona, os/as membros da organización coidarán de que as cinzas queden totalmente apagadas, advertindo de que serán responsables de calquera danos que puidera ocasionar a terceiros.