Ofreceranse diversas actividades que procuran a participación activa da mocidade, con propostas especialmente dirixidas a persoas de entre 12 e 35 anos de idade.
O “Día da Xuventude”, iniciativa coa que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia achega á mocidade diversas actividades formativas e de ocio saudable e alternativo, chega á Laracha.
Este venres pola tarde o “Día da Xuventude” fará parada na praza Les Sables d’Olonne. A partir das 16:00 e ata as 21:00 horas ofreceranse diversas actividades que buscan a participación activa da mocidade, como obradoiros de gastronomía saudable, habilidades para a empregabilidade, sensibilización medioambiental, igualdade de xénero e arte urbana. Tamén haberá propostas de lecer educativo como fútbol burbulla, futbolín humano, tiro con arco, lego e escape box.
O final do “Día da Xuventude” será coa música da banda larachesa de recente creación Mal Juicio, que ofrecerá un concerto a partir das 20:30 horas.
Esta ampla programación vai especialmente dirixida a persoas de idades comprendidas entre os 12 e os 35 anos.
O “Día da Xuventude” aséntase en cinco obxectivos: facilitar á mocidade a posibilidade de participar nun programa de actividades lúdico-formativas que contribúa ao seu enriquecemento persoal mediante aprendizaxes non formais; fomentar a participación, o ocio e o lecer saudable; transmitir valores a través de actividades que requiran do traballo en equipo, colaboración mutua e que fomenten o respecto, a igualdade, a inclusión e o espírito deportivo; achegar información dos programas que desenvolve a Xunta de Galicia destinados á mocidade; e ampliar as ferramentas de conciliación e espazos de coidado a disposición das familias galegas. Para o seu cofinanciamento cóntase coa colaboración do Ministerio de Igualdade en desenvolvemento do Plan Corresponsables.