No punto limpo rexistráronse máis de 315.000 kg mentres que os recollidos no resto do termo municipal rozaron os 4.742.000 kg. Os materiais de construción foron os máis cuantiosos superándose en total os 216.500 kg
O Concello de Ordes xerou o pasado ano un total de 5.057.441,34 quilos de residuos de distinto tipo, segundo os datos facilitados polo grupo Cerceda Sol, empresa encargada de realizar o servizo de recollida e xestión do punto limpo municipal. Unha cantidade que analizada reflicte case 315.500 kg procedentes do punto limpo (304.431 kg no ano 2014) e os preto de 4.741.955 kg do xerado e recollido ao longo de todo o termo municipal. Esta última cifra pódese concretar en 3.251.000 kg de residuos sólidos urbanos xerados na vila e nos 1.118.000 kg de residuos sólidos das parroquias; 133.500 kg de envases introducidos dentro das bolsas amarelas; 203.000 kg de vidro depositados nos contedores verdes, máis de 16.000 kg de metais (recollidos tanto no punto limpo como noutras localidades). Por último sinálanse os 20.000 kg de plásticos agrícolas, cifra que se pretende superar grazas á campaña informativa e de concienciación lanzada polo Concello de Ordes, na que se destaca a realización deste servizo sen custo ningún para os solicitantes. Simplemente basta con chamar ao teléfono 609079419.
Entre todos eles os procedentes das obras e construcións foron os máis notables. Os cascallos limpos (mesturas de formigón, ladrillos, tellas…) supuxeron a maior cantidade con máis de 117.000 kg, mentres que máis de 99.000 kg corresponden a cascallos mesturados (demolicións). Seguindo co ámbito da construción os restos de madeira e outros compoñentes aptos para a reciclaxe chegaron a superar os 27.000 kg, aos que hai que sumarlles case 25.000 kg do apartado de voluminosos (mobles, colchóns etc).
Plantas de tratamento
No que se refire a plásticos e cauchos hai que falar de pouco máis de 13.000 kg. Preto de 7.000 kg é a cantidade rexistrada en compoñentes eléctricos e electrónicos; 4.300 kg de equipos que conteñen clorofluorocarbonos; máis de 4.000 kg de residuos procedentes de diversos tratamentos; 800 kg de aceite usado; 700 kg de papel e cartón, máis de 400 kg de envases metálicos e plásticos baleiros contaminados, 247 kg de residuos entre filtros de aceite e demais materiais absorbentes; 210 kg de restos de pintura seca e 100 kg de tubos fluorescentes.
Cada un destes restos é derivado a diversas plantas especializadas espalladas por todo o territorio galego. Nelas procédese co seu correcto tratamento e reciclaxe en base á normativa vixente en materia de medio ambiente e biodiversidade.