Friday 22 de November de 2024

Inés Rey: “Queremos que a transformación da fachada marítima da Coruña teña acento propio e sexa exemplo para outras cidades”


A alcaldesa compartiu xornada no Foro Mar de Mares con Marta Torres, concelleira de Turismo de Matosinhos, e con Mariví Monteserín, alcaldesa de Avilés

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, interviu esta mañá no Foro Mar de Mares denominado “Alcaldesas polo mar: o valor de devolver a fachada marítima á cidadanía” xunto con Marta Torres, concelleira de Turismo en Matosinhos; e Mariví Monteserín, alcaldesa de Avilés.

Rey explicou que a integración do litoral na cidade comezou coa primeira intervención baixo o mandato de Francisco Vázquez, co Paseo Marítimo, o ENIL da Torre de Hércules e o Parque de Bens e Monte de San Pedro como espazos emblemáticos; e que continuará polo outro lateral do borde litoral como un dos principais proxectos da segunda modernización a impulsar: “Agora temos o reto de actuar e transformar o outro lado da bahía, facendo dos peiraos interiores un espazo de uso público e cidadá e sentando as bases do desenvolvemento urbano da Coruña para para os próximos 40 anos”.
A rexedora sinalou que a sinatura do protocolo Coruña Marítima é un primeiro paso para acadar a transformación do litoral de maneira consensuada, asegurando que perviva no tempo. “É un proxecto de cidade e de futuro e que como tal trascende este mandato, polo que é importante facelo ben e de forma consensuada para que teña continuidade”. Nese sentido, puxo en valor o acordo entre todas as administracións para o desenvolvemento do proxecto, coa apertura dos peiraos á cidade como principal punto.

Respecto á comparación con outras cidades, a alcaldesa sinalou os casos de Sidney ou Rotterdam como modelos de transformacións portuarias a nivel internacional, xunto con Barcelona e Bilbao. Sinalou que a vontade do Goberno local é que o proxecto local se una como referencia global: “Queremos que a transformación da fachada marítima da Coruña teña acento propio e sexa exemplo para outras cidades, pasando a estar na la lista dos grandes nomes en materia de planificación e integración do porto na cidade”.