Inés Rey: “Este é un proxecto de cidade, pois esta é a nosa porta de entrada e a sala de estar de todos os coruñeses e coruñesas”
O proxecto definitivo conta cun orzamento de 8 millóns e un prazo de execución de 24 meses
O Obelisco gañará presenza como elemento central e a peonalización de Entrexardíns exercerá de entrada aos peiraos
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presentou esta mañá o proxecto definitivo de remodelación da contorna dos Cantóns, entre Juana de Vega e a Autoridade Portuaria. Esta actuación será a fase cero da integración portuaria na cidade e “fará resplandecer de novo un dos espazos públicos máis queridos da Coruña”, tal e como apuntou a rexedora. Rey estivo acompañada pola conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, á que agradeceu a colaboración da Xunta na actuacion tras o encontro mantido no mes de maio co seu presidente, Alfonso Rueda.
O proxecto de reurbanización foi explicado en detalle polos seus redactores, Xosé Manuel Vázquez Mosquera e Carmen Calatayud Romero. A actuación busca adaptar os Cantóns á reducción do tráfico motorizado e ás condicións da Zona de Baixas Emisións, mellorando a continuidade peonil entre a rúa Real e a praza de Lugo e recuperando o vínculo e a proximidade ao Porto e aos xardíns de Méndez Núñez.
O proxecto presentado no día de hoxe deberá ser aprobado por Patrimonio da Xunta de Galicia antes de ser licitado e adxudicado. A conselleira de de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue destacou na súa intervención a relevancia do proxecto e salientou a colaboración da Xunta de Galicia para a súa posta en marcha. Unha vez rematado este proceso, o prazo de execución será de 24 meses. O orzamento base ascende a 8 millóns de euros.
Novas peonalizacións e tráfico rodado
A nova configuración dará carácter permanente á instaurada a raíz da pandemia, con un carril de circulación por sentido, beirarrúas máis amplas e un novo carril bici bidireccional que transcorrerá en paralelo cos xardíns de Méndez Núñez. A reforma consolidará e aportará un total de 9.500 metros cadrados de uso peonil. “Remodelaremos de forma integral a porta de entrada ao centro da cidade para adecuala á nova realidade da mobilidade urbana e sostible”, indicou Inés Rey.
Ademais, levarase a cabo a peonalización da rúa Entrexardíns e trasladarase a parada do transporte metropolitano á rúa Alcalde Manuel Casás, xunto ao Teatro Colón. “É unha actuación clave para recuperar o vínculo e a proximidade co Porto, con Entrexardíns exercendo de entrada central e natural da cidadanía aos peiraos de Batería e Calvo Sotelo”, indicou a alcaldesa. Ademais de Entrexardíns, tamén se peonalizará o treito de Santa Catalina entre Durán Loriga e os Cantóns, cambiando o sentido do resto da rúa en dirección a San Andrés. Como alternativa a ese cambio habilitarase un xiro á esqueda na praza de Mina para os vehículos que veñen da rúa Juana de Vega.
Esta situación suporá modificacións no percorrido das liñas 3 e 7 do transporte urbano, que pasarán a empregar ese xiro á esqueda. As paradas de autobús manteranse, con pequenos axustes para mellorar a súa accesibilidade, e todas contarán cunha ampla marquesiña con aparcadoiros de bicicletas cubertos. Por outra banda, as paradas de taxi do Cantón Grande e de Correos manteranse.
Mellora dos traxectos peonís e ciclables
O proxecto mellora o tránsito peonil entre o barrio de Pescaría e o Ensanche, conectando directamente con outras actuacións como a da rúa Compostela e empregando elementos urbanos similares para manter a sensación de conxunto. A praza de Mina reordenarase para simplificar e mellorar a seguridade, cun novo paso de peóns no entronque da praza coa rúa Sanchez Bregua. Tamén levanranse a cabo melloras nas beirarrúas de Alcalde Manuel Casás e recuperarase a praza da Aduana, propiciando unha maior e mellor integración do espazo portuario na contorna e constituíndose como a entrada metropolitana mediante transporte colectivo na cidade. Establecerase un anel arredor do edificio de Correos e manterase a saída cara a avenida do Porto.
A actuación permitirá tamén reducir a lonxitude dos pasos de peóns entre os Cantóns e os xardíns de Mendez Núñez, propiciando a recuperación das entradas peonís naturais no espazo verde. Ademais, implantaranse pavimentos táctiles e outras melloras de accesibilidade en todo o ámbito da actuación.
O carril bici será bidireccional e estará instalado na marxe dos xardíns, a onde se trasladará a estación de BiciCoruña do Obelisco para integrar este servizo municipal no percorrido ciclable.
Novas zonas verdes e protagonismo do Obelisco
O proxecto contempla novas zonas verdes e árbores, situados en espazos que permitan a súa estandía prolongada, xa que as condicións do subsolo polo aparcadoiro subterráneo limitan os espazos axeitados para o seu correcto desenvolvemento. A nova vexetación plantéxase como unha conexión das zonas verdes dos xardíns de Méndez Núñez e engádense novas árbores en las rúas Nova, Santa Catalina, Marchesi Dalmau e Alcalde Manuel Casás. Haberá un total de 16 novas árbores e 500 metros cadrados de sombra.
A alcaldesa, Inés Rey, destacou o traballo das persoas redactoras do proxecto, que buscaron “recuperar a imaxe clásica dos Cantóns”, na que “o Obelisco recobra o papel central do espazo”. Nese sentido, incidiu, “o Obelisco foi, é e será un punto de encontro dos coruñeses e coruñesas e quixemos reforzar esa idea”. Nese sentido, a avaliación das condicións de crecemento do metrosidero que está xunto ao Obelisco levarán a trasladalo á ubicación máis próxima que conte cunhas condicións óptimas para a súa saúde, destacando o seu valor conmemorativo cun emprazamento rodeable e que permita a observación do Obelisco coa súa contorna diáfana, así como das visuais que se abren arredor do monumento.A nova bancada, solución á rampla do aparcadoiro con vocación de novo punto de encontro
Outro dos elementos que destacan dentro do proxecto será a nova bancada, que se levantará como solución para a eliminación do acceso rodado ao aparcadoiro subterráneo, que quedará adaptado como acceso peonil, cunha parte de escaleiras e outra de rampla, e se complementará coa instalación dun ascensor que dará acceso aos dous sotos do aparcadoiro. “Supón un gran avance en materia de accesibilidade a instalación deste elevador e o deseño da bancada é unha oportunidade de crear un novo punto de encontro e reunión”, sinalou Rey.
O tratamento do pavimento e mobiliario no conxunto do proxecto busca dar unha imaxe de unidade en toda a contorna. Proba dilo, e tal e como explicaron os redactores do proxecto, o propio perfil da bancada e o seu peto replicarán o estilóbata e pedestal do Obelisco, remarcando ese carácter de elemento central do proxecto.
“A reurbanización dos Cantóns é un proxecto de cidade, pois esta é a porta de entrada ao centro da Coruña, a sala de estar de todos os coruñeses e coruñesas”, indicou a alcaldesa, que destacou o carácter universal da obra: “Unha vez rematadas as obras, as persoas serán as protagonistas deste espazo, no que haberá novas zonas verdes, novo mobiliario e novas zonas de esparcemento e recreo”.