Friday 22 de November de 2024

O Concello de Carballo inviste case 400.000 euros nas obras de posta en valor do núcleo de Arnados, en Razo


Dentro do proxecto está previsto pavimentar 7.200 metros cadrados de rúas, completar servizos, instalar mobiliario urbano e plantar 30 árbores

O Concello de Carballo está a realizar un investimento de 395.661,91 euros nas obras de mellora interior do núcleo de Arnados, na parroquia de Razo. O alcalde, Evencio Ferrero, e os concelleiros de Obras e Servizos, Luis Lamas e Miguel Vales, puideron comprobar que os traballos, executados pola empresa Vázquez y Reino, están moi avanzados, e que a veciñanza pronto poderá desfrutar dunha actuación baseada na Guía de boas prácticas para a intervención nos núcleos rurais editada polo Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia, que pretende servir como instrumento para racionalizar o crecemento dos núcleos rurais ofrecendo modelos e alternativas que, sen deixar de ser contemporáneos, conserven e potencien un modelo e asentamento sustentable e respectuoso co medio e a paisaxe.

Con esa filosofía, no noso concello lévanse realizado actuacións de mellora interior en lugares coma Cances Grande e, este mesmo ano, Cances da Vila; Os Vilares (Sísamo), a contorna da igrexa de Rus ou, Castrillón (Lema), entre outros. No caso de Arnados, o groso da obra é a pavimentación das rúas Méndez Núñez, Almirante Mourelle, Arroaces, Mar Mediterráneo, Mar Cantábrico e Océano Atlántico, cunha superficie total de 7.200 metros cadrados, con diferentes tonalidades para a zona destinada ao tráfico rodado e a zona peonil.

Tamén se aproveitou para renovar distintas canalizacións de servizos urbanos na rúa Mar Mediterráneo e a rede de alumeado en todo o ámbito da actuación. Tamén se inclúe a sinalización, tanto vertical coma horizontal, e a instalación de mobiliario urbano, en concreto 11 bancos, 1 papeleira e 1 cubrecolectores. O proxecto, elaborado na Oficina Técnica Municipal, prevé, así mesmo, a creación de 600 metros cadrados de zonas verdes, dotadas de rega por goteo, e a plantación de 30 árbores.