As familias poderán formalizar a matrícula dos menores dende mañá ata o 17 de xuño
O Concello facía público este mediodía o listado de admitidos/as do campamento de verán “Neda concilia”. Serán 84 os nenos e nenas que desfrutarán no mes de xullo desta iniciativa de lecer, que se desenvolverá nas instalacións do CEIP San Isidro. En total, rexistráronse máis de noventa reservas de prazas, se ben non todas cumprían o requirimento do empadroamento.
Na web municipal pódese consultar a relación de admitidos/as no programa de conciliación, destinado a axudar ás familias a compatibilizar obrigas laborais e o coidados dos fillos e fillas menores. As prazas, tal e como se avanzou, asignáronse por rigorosa orde de anotación, unha vez excluídas as solicitudes que non cumprían os requisitos.
A proposta gratuíta “Neda concilia” incluirá actividades de luns a venres, de 8:45 a 13:45 horas. E estará dirixida a nedenses de entre 3 e 12 anos. As dependencias do cole situado no casco urbano converteranse durante todo o mes de xullo nun espazo para a convivencia, a diversión, o xogo, e a promoción de valores como a igualdade.
Para beneficiarse, as familias dos menores con praza asignada deberán retirar e entregar a documentación requirida na biblioteca municipal dende mañá e ata o 17 de xuño. Funciona de luns a xoves de 9 a 13 e de 16 a 20 horas, e os venres de 9 a 14.30 horas.
O programa de conciliación, organizado polo Concello de Neda, conta co apoio do Pacto de estado contra a Violencia de Xénero.