A Concellaría do Turismo da Pobra do Caramiñal xa ten todo preparado para potencia-los recursos do municipio e ofrecer alternativas de lecer durante o verán deste 2024.
“O noso slogan é A Pobra do Caramiñal, vive a experiencia…, por iso centramos gran parte da programación en accións diferenciadoras que aporten un valor engadido á estadía na localidade. Queremos que quen nos visite vexa o noso patrimonio natural, histórico e cultural, si, pero que tamén o experimente. E, ademais, apostamos por seguir achegando actividades con moita aceptación para coñecer outras paraxes naturais como é o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas. Para tal cometido, volvemos colaborar coa empresa Piratas de Nabia para facer isto realidade. Esta é a primeira proposta que presentamos dunha heteroxénea oferta turística que terá novamente a vista posta no mar” anuncia a concelleira do Turismo, Estefanía Ramos, xunto coas técnicas municipais desta área, Ángeles Tubío e Sara Sánchez.
Cíes constitúen a primeira parada, no 30 de xuño; illas que tamén porán o broche de ouro a esta serie de saídas no 1 de setembro.
Tamén haberá ocasión de coñecer Sálvora no 21 de xullo e no 3 de agosto. Nesta última data vivirase a experiencia Starlight para coñecer este anaco de terra na bocana da ría da Arousa durante a tarde-noite e observa-las estrelas dun ceo sen contaminación lumínica.
E no 28 de xullo e 11 de agosto porase rumbo a Ons.
Tódalas travesías náuticas inclúen ruta guiada. Para Cíes e a Starligth de Sálvora teñen un prezo de 34 euros por persoa adulta, mentres que a Ons e a diúrna a Sálvora baixa ata os 30 euros. No que respecta a crianzas entre 4 e 12 anos, o importe a pagar sitúase nos 18 euros en tódalas viaxes.
As reservas formalizaranse a través da páxina web www.piratasdenabia.com ou do teléfono de contacto 986320048. Tamén están ao dispor os teléfonos do Departamento do Turismo para a resolución de dúbidas: 671090262 e 687482835.