• O servizo ‘Sábados que contan’ está dirixido preferentemente a familias con fillos ou fillas empadroadas en Ortigueira e que xustifiquen a necesidade de conciliar a vida laboral e familiar.
• Desenvolverase os días 15 e 22 de xuño no Centro Social de Ortigueira en horario de 11:00 a 13:00 horas e será necesario inscribirse previamente no CIM.
O Concello de Ortigueira, a través da Concellería de Servizos Sociais, impulsa o servizo ‘Sábados que contan’, unha iniciativa enmarcada dentro do programa ‘Conciliortigueira’ e que consiste en contacontos para nenos e nenas de 3 a 11 anos.
Terá lugar este sábado, 15 de xuño, e o próximo, 22 de xuño, no Centro Social de Ortigueira en horario de 11:00 a 13:00 horas. É completamente gratuíta e as prazas son limitadas, polo que será necesaria a inscrición previa no Centro de Información á Muller (CIM) ou a través do teléfono 981 402 542.
Este servizo está dirixido preferentemente a familias con fillos ou fillas empadroadas en Ortigueira e xustifiquen a necesidade de conciliar a vida laboral e familiar. Está cofinanciado entre o Concello de Ortigueira e a Consellería de Política Social e Igualdade, a través do Plan Corrsponsables.
A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Elisa Dorna, subliña a importancia da programación deste tipo de actividades, que por unha banda “axudan a conciliar ás familias e axudan ao desenvolvemento dos nenos e nenas, facendo crecer neles e elas un interese pola lectura”.