O edil de Deportes, Ibán Santalla, anunciou esta mañá xunto con Amando Guerrero, presidente da Agrupación Deportiva Náutico Narón e Javier Campos, presidente da Federación Galega de Tríatlon, a apertura do prazo de inscrición no Trishark Narón 2024. Santalla avanzou que o evento se desenvolverá o 20 de xullo no paseo marítimo de Xuvia e informou que o prazo de inscricións permanecerá aberto ata o 15 de xullo ás 23:59 horas a través da web: www.fegatri.org.
A proba principal formará parte do circuíto galego de tríatlon 24 e, ao mesmo tempo, clasificatoria para o campionato galego de tríatlon sprint. Haberá tamén unha proba de carácter popular, con 200 prazas, aberta ao público en xeral (maiores de 16 anos), federados e non federados. O programa da proba inclúe ademais unha proba de promoción que se disputará na tarde do venres 19 de xullo para as nenas e nenos, un acuatlón (nadar e carreira).
A proba popular (categorías xuvenil, junior, absoluta e veterán) será de 400 metros de natación; 11 quilómetros en bicicleta e 1,7 quilómetros de carreira (unha volta) e a do circuíto galego (xuvenil, junior, sub 23, absoluta e veterán 1, 2 e 3), de 750 metros de natación, 22 quilómetros en bicicleta e cinco de carreira.
A saída da proba popular será ás 16:20 horas, se ben a saída masculina do circuíto galego será ás 17:15 e a feminina ás 17:20 horas, tal e como se especifica no programa. A previsión de remate da competición é ás 18:45 horas.
O presidente da AD Náutico de Narón, Amando Guerrero, indicou que contan reunir a máis de medio milleiro de participantes da edición do ano anterior “porque a pesar do pouco tempo que se disputa a proba é un dos tríatlons con máis solera do noroeste ibérico”.
Pola súa banda, Javier Campos, da Fegatri, agradeceu de antemán a bos predisposición do club naronés e do Concello co deporte, non só na organización do Trishark senón tamén co acuatlón de promoción para nenas e nenos.
O concelleiro de Deportes de Narón destacou o labor da AD Náutico de Narón na organización dunha nova edición do exitoso Trishark e tamén o respaldo que un ano máis lle brinda a Fegatri. Santalla animou ás persoas interesadas neste deporte a inscribirse e desfrutar das probas que se disputarán o vindeiro mes de xullo na cidade.