Hoxe constituíuse a terceira comisión que determinará o modelo para a xestión da auga na cidade nunha sesión na que se analizou o punto de partida co estudo feito durante o mandato socialista
Castro celebra o “cambio de postura” de BNG, CA e PP que “despois de bloquear hai ano e medio a licitación dun novo contrato” agora “todos parecen estar de acordo en que urxe unha solución”
Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2024. O Grupo Municipal Socialista participou esta mañá na sesión constitutiva da comisión de estudo que determinará o modelo de xestión do ciclo integral da auga. Unha comisión, lembra Mila Castro, “a terceira” e na que se fixo unha análise da situación de partida, “de ese estudo que encargamos o goberno socialista no ano 2020 e que recolle as necesidades millonarias que ten a nosa rede de abastecemento e saneamento”.
Castro insistiu na postura “responsable” dos socialistas en esa comisión que se reunirá trimestralmente, “colaborando e traballando para ter unha solución o antes posible”. “Nós somos os primeiros que queremos poñer fin aos problemas de roturas diarias e ampliar a rede a todo o rural” insiste a edil socialista que deixou claro que esa era xa a postura dos socialistas “hai 18 meses” cando a oposición -BNG, Compostela Aberta e Partido Popular- “bloquearon” a licitación dun novo contrato: “nós xa o queríamos hai ano e medio, pero de aquela a oposición non estaba pola labor”.
“Celebramos este cambio de postura” asegura Castro, en referencia á “aparente” predisposición do resto de grupos de atopar unha solución respectando as determinacións da comisión, ao tempo que avanza “nós seguimos onde sempre estivemos, ao carón das necesidades de esta cidade”.