• Este mesmo luns puxo en marcha o servizo de limpeza dos areais da Basteira, A Concha, Peiral, Fornos e Figueiras
• Durante tres meses realizaranse labores de recollida de lixo e mantemento para que as persoas usuarias gocen das praias sen ningún tipo de impedimento
O Concello de Cariño puxo en marcha este luns o servizo de limpeza e mantemento de praias, co obxectivo de manter en condicións óptimas os seus areais para a tempada de verán para que as persoas usuarias poidan gozar delas en todo o seu esplendor.
Trátase dun servizo financiado pola Deputación dá Coruña, que ten un custo de 17.055 euros.
Durante os primeiros días realizarase unha limpeza xeral de cada unha das praias para extraer o lixo acumulado que o mar arrastrou durante os meses de inverno. A continuación, realizarase un mantemento diario das mesmas, recollendo os desperdicios e demais materiais que as mareas vaian traendo.
O servizo inclúe a todos os areais situados na costa do Concello de Cariño, que son A Basteira, A Concha, Peiral Fornos e Figueiras.
As praias con maior afluencia (A Concha, Basteura e Fornos) serán as primeiras nas que leve a cabo o servizo de forma diaria. Doutra banda, en Peiral e Figueiras a limpeza realizarase cada dous días. Ademais, no caso concreto da praia de Fornos, haberá que facer unha limpeza e desinfección diaria dos aseos.
O horario de limpeza dos areais será de luns a domingo, en horario de 8 a 14 horas e executarase durante os próximos 3 meses.
Segundo indica a alcaldesa, Ana María López, “as praias son un dos nosos maiores atractivos turísticos para a tempada estival, por iso é necesario que as manteñamos limpas e coidadas durante estes meses nos que recibimos tantos visitantes no noso municipio”.
“A potenciación dos nosos recursos en materia de turismo é unha de liñas de actuación que pretendemos reforzar desde o noso equipo de goberno, por iso isto, sumado á apertura da oficina de turismo, é unha mostra clara da nosa aposta polo reforzo neste sector” concluíu.