Saturday 23 de November de 2024

O BNG informa sobre a ‘pegada sonora’ do aeroporto nunha palestra informativa


● O avogado Xoán Antón Pérez Lema e o profesor universitario Carlos Aymerich ofrecerán o seu punto de vista legal

As consecuencias da ‘pegada sonora’ do Aeroporto de Albedro —Real Decreto 359/2024, de 2 de abril, por el que se aprueban las servidumbres aeronáuticas acústicas, el mapa de ruido y el plan de acción del aeropuerto de A Coruña— serán o eixo central da palestra informativa organizada polo BNG de Culleredo para que a veciñanza coñeza os seus dereitos e como o novo documento aprobado vai afectar aos seus bens inmobiliarios e ao urbanismo do Concello de Culleredo.

Tono Chouciño, voceiro do BNG en Culleredo, dirixirá o acto, que terá lugar mañá martes, día 11, ás 19:30 horas, no edificio de Servizos Múltiples do Burgo. Xoán Antón Pérez Lema é avogado e defendeu os dereitos dos afectados pola ampliación do aeroporto anteriormente. Carlos Aymerich é profesor universitario de Dereito na Universidade da Coruña e foi deputado do BNG no Parlamento Galego e Congreso dos Diputados estatal.

A día de hoxe segue existindo unha gran confusión e notable descoñecemento arredor da afectación de ámbito urbanístico e das posibles consecuencias a nivel patrimonial. Os propietarios non saben como afectará o novo documento de afección sonora ao valor dos inmobles ou se serán posibles certas actuacións futuras. Por exemplo, falta coñecemento sobre a posibilidade de tramitar compensacións ou solicitar medidas de insonorización.

O documento de afección sonora do aeroporto foi publicado no BOE o pasado 20 de abril e, a pesar de que o goberno municipal anunciou xuntanzas con afectados, polo de agora non hai novas nese sentido. O tempo apremia e urxe actuar para non deixar desamparadas ás persoas afectadas. Tampouco se aclara que se teñan respondido as alegacións, e non nos consta que foran contestadas.