Friday 22 de November de 2024

Dúas ducias de persoas participan na visita xeolóxica ao Pico Sacro, organizada polo Concello de Boqueixón e Geotur Galicia


O Concello de Boqueixón abriu hoxe domingo a programación do ciclo “Un mes e Pico” cunha visita xeolóxica gratuíta ao monte Ilicino. Guiados por especialistas de Geotur Galicia, dúas ducias de persoas deron un paseo pola contorna do Pico Sacro para coñecer a orixe, a evolución e os elementos máis característicos da complexa historia xeolóxica e xeográfica deste monte.

Unha visita na que estiveron acompañados polo alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro Tato, e polo concelleiro de Industria, Turismo e Desenvolvemento Local, José Luís Mareque Simón. Unha iniciativa que abre a sexta edición do ciclo “Un mes e Pico”, que este ano está dedicado á xeoloxía e á astronomía.

Resto da programación

As actividades continuarán este venres 14 de xuño coa conferencia “O Pico Sacro visto con ollos xeolóxicos”, a cargo de Francisco Canosa Martínez, doutor en Xeoloxía pola Universidade de Oviedo e actual director científico do Xeoparque Cabo Ortegal, recoñecido como Xeoparque Mundial da Unesco. Será ás 19:00 horas na Capela de San Sebastián. O propio Francisco Canosa será o guía da segunda visita ao Pico Sacro: “Un paseo xeolóxico pola contorna do Pico Sacro”, que terá lugar o sábado 15 de xuño, ás 17:00 horas. O punto de encontro será o aparcamento do Pico Sacro.

O domingo 16 de xuño, ás 13:00 horas, terá lugar a Cerimonia do Lume Sagrado, unha celebración celta encabezada pola raíña Alda e o seu séquito, que recuperará de forma simbólica a tradición dos nosos devanceiros na festa do solsticio de verán a través da obtención do lume sagrado directamente do Sol. Un lume que quedará custodiado ata o día de San Xoán. O acto contará coa colaboración da Asociación do Castro da Fervenza de Callobre (A Estrada) e coa actuación do grupo de música tradicional Son de Gaita. Ademais, todas as persoas que queiran recoller o lume sagrado para prender as súas fogueiras da noite de San Xoán, poderán levar unha candea do Pico Sacro o 23 de xuño, de 18:00 a 20:00 horas.

Finalmente, o venres 21 de xuño, ás 23:00 horas, terá lugar “A noite de solsticio dende a tumba do dragón”, unha observación astronómica da man de Jorge Mira. Unha iniciativa que aproveitará a noite máis curta do ano, pois so dura oito horas e media á latitude de Boqueixón, das que so catro horas son de noite pechada. Unha noite que a humanidade sempre considerou como un momento máxico, como se fará nesta observación astronómica no Pico Sacro. O punto de encontro será novamente o aparcadoiro do monte ilicino.

Todas as actividades do ciclo son de participación totalmente de balde, se ben o número de prazas é limitado, polo que será precisa inscrición previa no Departamento de Turismo de Boqueixón, en boqueixonturismo@gmail.com ou chamando ao 981 513 061.