A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, destacou hoxe na inauguración da celebración Porco Pride Espasante en Ortigueira a importancia de apoiar e visibilizar ao colectivo lgbti no rural galego con xornadas coma esta. Durante a súa intervención, puxo en valor a necesidade de converter en motivo de orgullo a diversidade sexual da nosa sociedade e apostou por incidir na concienciación para acadar unha Galicia cen por cen tolerante e igualitaria.
Neste sentido, a directora xeral puxo o foco na aposta da Xunta de Galicia por ofrecer espazos libres de violencias lgbtifóbicas e no apoio a todo o colectivo a través o Observatorio contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero e os convenios de colaboracións con diferentes entidades do colectivo lgbti, entre outras accións. A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social e Igualdade, colabora con este evento que xa vai pola súa segunda edición e que se ten convertido nun espazo no que se mestura divulgación, concienciación e festividade.