Saturday 16 de November de 2024

Ao redor de mil catrocentas persoas visitaron a exposición “Francisco Ibáñez, El Mago del Humor” no Museo do Humor en Fene


Na segunda quincena do mes de febreiro daranse a coñecer os nomes dos/as gañadores/as do concurso “Mortadelo e Filemón en Fenicia”

A concelleira de Cultura e Ensino de Fene, Amalia García, cualifica de “rotundo éxito” o paso da exposición “Francisco Ibáñez, el Mago del Humor” polo Museo do Humor de Fene. A edil afirma que o balance é moi positivo xa que, nos dous meses que esta mostra se amosou ao público no Concello de Fene, superouse o número de visitantes que o Museo adoita rexistrar ao longo de todo o ano.

“Francisco Ibáñez, el Mago del Humor” inaugurouse no Museo do Humor de Fene o 27 de novembro de 2015, contabilizándose xa nos tres primeiros días de exposición máis de cincuenta visitantes. No mes de decembro foron 529 as persoas que pasaron pola mostra e en xaneiro, ata o día 30 que se clausurou a mostra, foron ao redor de 800.

Atendendo á tipoloxía dos visitantes, a concelleira de Cultura e Ensino salienta que o 81 % foron nenos/as e o 19 % restante, adultos. Non en van, afirma Amalia García, a exposición de Ibáñez “espertou un grande interese entre os colexios e institutos da bisbarra, contabilizándose neste período en torno a unha vintena de visitas guiadas de grupos escolares”.

Salientar tamén que, como novidade, o Museo do Humor de Fene abriu as súas portas ao público en horario de tarde durante as pasadas festas do Nadal “para facilitar as visitas dos veciños/as á exposición”, rexistrándose nas oito tardes de apertura extraordinaria 108 visitantes, a maioría do Concello de Fene pero moitos outros/as tamén de concellos veciños como Ferrol, Narón ou Mugardos.

Por último, e atendendo precisamente ao criterio das localidades de procedencia dos visitantes, cómpre salientar que máis do 43% dos visitantes resultaron ser veciños/as de Fene, o 11 % veciños/as de Narón, o 7,44 % veciños/as de Ares e o 6,86 % veciños/as de Ferrol. Nunhas porcentaxes máis pequenas, rexistráronse tamén visitas de veciños/as de As Pontes, Mugardos, Cabanas, Sada, A Coruña, León e Zaragoza.
CONCURSO MORTADELO E FILEMÓN EN FENICIA
Finalizado o prazo de presentación de orixinais ao concurso “Mortadelo e Filemón en Fenicia” que o Museo do Humor de Fene convocou ao redor da exposición “Francisco Ibáñez, el Mago del Humor”, dende a Concellería de Cultura e Ensino anúnciase que o xurado do certame -formado pola Concelleira de Cultura e Ensino, tres profesores de centros de Ensino do Concello de Fene e pola coordenadora do Museo do Humor- reunirase nuns días para deliberar e nomear aos gañadores/as do devandito concurso.
Tal e como se establece nas bases, o fallo do xurado “terá lugar na última quincena de febreiro de 2016 e darase a coñecer a través da páxina web fenecidadan.gal e dos diferentes medios de comunicación”.