O orzamento alcanza os 85.000 euros e será cofinanciado por Turismo de Galicia.
O Concello promove un novo proxecto dirixido a embelecer e mellorar os elementos de protección do paseo marítimo de Caión. Esta segunda fase será de similares características e dará continuidade á primeira intervención desenvolvida nos primeiros meses deste ano. A actuación consiste na substitución dun tramo da varanda co dobre obxectivo de reforzar a seguridade e mellorar a estética da senda peonil para revitalizala como destino turístico.
A primeira fase fora posta de exemplo polo Centro de Innovación e Servizos Tecnolóxicos da Madeira de Galicia (CIS Madeira) polo seu deseño integrador e o emprego da madeira de castaño como material de construción sostible e esteticamente axeitado á contorna do paseo marítimo. Nesta segunda fase intervirase dun modo idéntico noutro tramo de varanda de 180 metros de lonxitude en dirección á entrada principal á praia das Salseiras.
O proxecto saíu hoxe a licitación coa publicación na Plataforma de Contratación del Sector Público dos pregos que rexerán o procedemento. O prazo de presentación de ofertas permanecerá aberto ata o 27 de xuño.
O orzamento alcanza os 85.000 euros, contando o Concello para o seu cofinanciamento co apoio económico da axencia Turismo de Galicia no marco da liña de axudas para actuacións de embelecemento do litoral galego do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-Next Generation.